Expertos internacionais reúnense na Coruña para reforzar a protección da auga fronte a ciberameazas
- O CITIC da UDC acolleu a presentación da Rede de Ciberseguridade na Xestión dos Sistemas de Auga, impulsada por INCIBE e a UdG
- A xornada contou cunha mesa redonda e diferentes relatorios centrados na ciberseguridade na xestión hídrica
A Coruña, 21 de novembro de 2025.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu o venres 21 de novembro a xornada de lanzamento da Rede de Ciberseguridade na Xestión dos Sistemas de Auga, unha iniciativa pioneira impulsada pola Cátedra INCIBE de Dixitalización e Ciberseguridade Hídrica da Universidade de Girona (UdG), financiada pola Unión Europea a través do programa NextGenerationEU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con INCIBE, e en colaboración coa UDC, o CITIC e a Cátedra EMALCSA.
Máis dun centenar de profesionais do sector hídrico e tecnolóxico participaron nun programa que combinou relatorios técnicos, networking e demostracións prácticas.
O acto de apertura da xornada contou coa participación de Manuel G. Penedo, director do CITIC, e Ignasi Rodríguez-Roda Layret, director da Cátedra INCIBE de Dixitalización e Ciberseguridad Hídrica da UdG, quen subliñou a importancia da ciberseguridad en infraestruturas críticas.
Jorge José Delgado Martín, catedrático da UDC e investigador do CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil), impartiu a conferencia “A Conca Mero-Bercés como modelo de laboratorio natural para o apoio da xestión do abastecemento urbano”, na que presentou a actuación tecnolóxica que leva a cabo EMALCSA na conca Mero-Barcés, fonte de subministración para a cidade da Coruña.
A continuación, a cargo de Enrique Redondo (INCIBE) e Ignasi Rodríguez-Roda, levouse a cabo a presentación da Rede de (CIBER)Seguridade na Xestión dos Sistemas de Auga Urbanos e Industriais, introducindo tamén ás súas entidades promotoras.
Robert Kooij, da Delft University of Technology de Países Baixos, e Maarten de Kruijf, de TNO, abordaron os retos globais da ciberseguridade en sistemas de auga.
O programa tamén incluíu a celebración dunha mesa redonda na que se debateron os riscos de ciberseguridade que pode enfrontar a xestión dos sistemas de auga, así como posibles solucións. Este foro reuniu a representantes de EMALCSA, CITIC, USC e a Cátedra INCIBE.
Presentouse POSEIDÓN, ferramenta clave para cumprir a directiva NIS2, desenvolvida por Inprosec e Tecdesoft. Esta utiliza a plataforma de simulación MEDUSA #4, instalada no CITEEC da UDC, e inclúe nunha mesma contorna as funcionalidades dunha plataforma de xestión do ciclo integral da auga e un sistema de monitoraxe de ameazas de ciberseguridade. A xornada concluíu cunha visita á plataforma no CITEEC, consolidando a colaboración entre o mundo académico e a industria para garantir unha subministración segura e resiliente.
O evento contou con retransmisión en streaming e foi financiado pola Unión Europea a través do programa NextGenerationEU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e por INCIBE.