CITIC
WhatsApp Image 2022-10-06 at 14.02.17 (4)

Ferramentas intelixentes para a mellora da saúde, un estudo para a atención selectiva en nenos e avances en identidade dixital, proxectos premiados no XoveTIC 2022

07/10/2022 – CITIC

  • Máis de 50 traballos de investigación do ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de España e Portugal presentáronse na quinta edición deste congreso que organiza o CITIC da UDC para atraer talento novo, impulsar a carreira científica e promover a transferencia de proxectos TIC á sociedade
  • O talento made in UDC representa o 70% de proxectos presentados, complementado con traballos de universidades españolas e de Portugal

O persoal investigador novo de España e Portugal que traballa no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) deuse cita esta semana no Congreso XoveTIC, que organiza o CITIC da UDC por quinto ano consecutivo. Máis de 50 proxectos de intelixencia artificial, big data, computación de altas prestacións, servizos e redes intelixentes e ciberseguridade déronse a coñecer neste encontro, tanto en formato de comunicación oral como póster, que promove o “intercambio de experiencias e coñecementos nun ambiente distendido, que fomenta a colaboración”, segundo destacou o director do centro, Manuel F. González Penedo.

Nesta edición, na que se retomou a presencialidade tras dous anos celebrándose en liña debido á pandemia, destacou a elevada participación da UDC, aproximadamente un 70 %, complementada con traballos doutras universidades españolas, a de Alcalá de Henares e a de Sevilla; e mesmo o carácter internacional, con presenza de proxectos de universidades do norte de Portugal.

Trátase dun encontro no que tamén se organizan conferencias plenarias e que aposta pola procura de talento novo e que, tal e como sinalou o reitor da UDC, Julio Abalde, na sesión inaugural, “o congreso XoveTIC favorece ese intercambio de coñecementos e vivencias entre mozos investigadores, que é o que ao final enriquece o desenvolvemento da súa carreira investigadora”. Tamén aproveitou para lembrar o papel crucial que xogou o CITIC na posta en marcha do proxecto da Cidade do TIC, “unha iniciativa que xorde do traballo conxunto entre empresas, universidades, grupos de investigación e departamentos de I+D das empresas que traballarán conxuntamente nunha forma, para min, ideal da transferencia”.

Premios para IA en saúde e educación

O congreso XoveTIC recoñece anualmente, con axuda económica, os cinco proxectos máis valorados polo comité científico en áreas ou liñas de alto interese e impacto social. Este ano, os traballos premiados, con atención á saúde de persoas discapacitadas e á educación infantil, foron os seguintes: 

“Low-cost, scalable IoT technology for real-time streaming network auditing”, de Pedro Fernández-Arruti da UDC, entregado polo Clúster TIC de Galicia, sobre tecnoloxía escalable de baixo custo para a auditoría de redes de transmisión en tempo real. “Testing and Analysis of Self-Sovereign Decentralized Digital Identity Technology”, de Pablo Santos da UDC, sobre análise de tecnoloxía de identidade dixital, patrocinado polo CPEIG. “Smart bracelet for anxiety”, de persoal investigador da Universidad de Sevilla, encargado de presentar un modelo de pulseira intelixente para a ansiedade. “Assessment of selective attention in children through Digital Teddy: preliminary study”, centrado en atención selectiva en nenos, de Irene González Eiroa da UDC e patrocinado polas cátedras institucionais vinculadas á Facultade de Informática da UDC. E, por último, o proxecto sobre un robot asistente en procesos de rehabilitación para persoas con discapacidade “Assistant Robot for Gait Rehabilitation in People with Disability”, entregado pola Fundación CITIC de Galicia a Manuel Lagos da UDC.

Colaboración

O encontro, orientado á busca de talento investigador novo no campo das TIC, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Facultade de Informática da UDC, a Universidad de Oviedo, a Universidad Politécnica de Madrid, a Universidade de Porto e Atlanttic da Universidade de Vigo. Os premios están financiados polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Clúster TIC de Galicia, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Fundación CITIC de Galicia e as cátedras institucionais da Facultade de Informática (Cátedra Aldaba WIB, Cátedra NTT Data en Diversidade e Tecnoloxía, Cátedra R en Ciberseguridade e Cátedra CICAS).