CITIC
Helen Crompton

Helen Crompton fala no CITIC do papel da intelixencia artificial na educación

03/03/2023 – CITIC

“ChatGPT marca a chegada dun novo tipo de ferramentas de IA que cambian a nosa forma de pensar sobre a educación”

A profesora asociada de tecnoloxía educativa e doutora en educación matemática e tecnoloxía na educación da Old Dominion University (ODU) de Norfolk (Virginia), impartiu recentemente unha conferencia na que analizou o papel da IA na Educación. Helen Crompton, directora do Technology Enhanced Learning Lab (TELL) e do Virtual Reality Lab da ODU, centra a súa investigación na aprendizaxe con tecnoloxías como os dispositivos móbiles, a intelixencia artificial e a realidade virtual.

Durante a súa exposición, a investigadora ofreceu unha visión xeral do estado da IA na educación e analizou as tendencias de uso, destacando as posibilidades que ofrece para estudantes, profesores e administracións. Concretamente, falou do ChatGPT, das súas utilidades e das súas limitacións. Crompton destacou o potencial deste sistema para transformar a educación e as oportunidades que esta ferramenta de IA pode achegar a estudantes e profesorado, como, por exemplo, que un alumno poida pedir a ChatGPT que lle explique conceptos difíciles utilizando diferentes estilos de aprendizaxe, idiomas e niveis de lectura.

-Na súa opinión, Cal é o impacto actual da IA na educación?-

A IA ten un gran potencial para revolucionar a educación. De feito, xa a estamos utilizando en moitas ferramentas educativas. O útil da progresión da IA é que cada vez é máis fácil de usar e non necesitamos coñecementos e habilidades específicas para utilizar estas ferramentas. Por exemplo, Google Search utiliza IA. O que experimentamos é que funciona ben para atopar o que necesitamos, corríxenos a ortografía, danos outras ideas de procura e axusta os resultados ao que buscamos. A IA está a axudar ás administracións a xestionar a recompilación, a análise e a organización dos datos dos estudantes dunha forma que é humanamente imposible cos recursos típicos que temos.

Cóntenos algúns usos da IA en ámbito educativo-

A investigación mostra que hai unha gran variedade de usos da IA na educación. Hai catro tendencias principais. Unha delas é a avaliación e valoración, xa que a IA pode utilizarse para xerar preguntas de distintos niveis, e mesmo crear preguntas que se axusten ao nivel de habilidade do alumnado e aumentar ou diminuír a dificultade segundo sexa necesario. Tamén pode utilizarse para predición de variedade de temas como o rendemento e a satisfacción dos estudantes nun curso, así como detectar aqueles que están en risco de suspender ou abandonar. Así mesmo, pode proporcionar asistencia aos estudantes con actividades, dándolles indicacións, próximos pasos e respondendo a preguntas. E, por último, a intelixencia artificial ten grandes funcionalidades na análise da aprendizaxe e o deseño do ensino para quen se ocupan destas tarefas. Outra posible vía para seguir avanzando neste campo é a conversión de voz en texto para que a IA poida entender a mensaxe que tentamos transmitir. Isto pode ser especialmente útil para axudar aos estudantes con necesidades especiais de aprendizaxe e tamén para as persoas con discapacidade.

– Que opina dos titores virtuais? Que papel xogarán na escola do futuro?-

Os titores virtuais son unha do catro formas posibles de utilizar a IA na educación. Estes titores virtuais nunca poderán substituír aos físicos, pero poden ser moi útiles para proporcionar apoio en tarefas que permitan ao profesorado desempeñar mellor o seu papel e axudar aos estudantes cando non estea dispoñible. Os titores virtuais poden proporcionar asistencia e ensinanza 24 horas ao día, 7 días á semana, en calquera momento e lugar. A instrución e indicacións pertinentes poden ser proporcionadas inmediatamente a un nivel relevante para ese estudante individual segundo sexa necesario. Os titores virtuais son moi eficaces cando traballan xunto á persoa educadora.

Durante a súa conferencia no CITIC falou tamén do chatGPT. Como cre que repercutirá estas ou outras aplicacións similares na educación?

Atopámonos nun punto de inflexión na historia da educación.  ChatGPT marca a chegada dun novo tipo de ferramentas de IA xenerativa que cambian a nosa forma de pensar sobre a educación. Aínda que houbo grandes tecnoloxías que ampliaron e melloraron a educación, a miúdo utilizamos estas tecnoloxías do século XXI con enfoques pedagóxicos do século XX. ChatGPT fai ineficaces algunhas desas prácticas do pasado. Agora, a educación ten que ser diferente á hora de promover o pensamento crítico dos estudantes, a resolución de problemas e as aplicacións prácticas.

IA para reducir o abandono escolar

Cre que a IA pode reducir as taxas de abandono escolar e en que medida pode motivar aos estudantes para que continúen os seus estudos?

Existen ferramentas de IA específicas para reducir as taxas de abandono escolar e motivar aos estudantes. A intelixencia artificial pode utilizar datos para predicir aspectos como quen corren risco de suspender ou abandonar os estudos. A IA pode dar ao profesorado información importante para este poida anticipar e evitar o abandono escolar, por exemplo.  Tamén pode proporcionar axuda aos estudantes para favorecer a súa motivación. Por exemplo, a IA pode enviar mensaxes de texto como recordatorios, avisos e apoio, segundo sexa necesario. Ademais, se un estudante ten dificultades, esa axuda da IA pode ser útil antes de que alcancen o nivel de frustración.

 Como profesora asociada de tecnoloxía educativa na Universidade Old Dominion (ODU), respecto da aplicación da IA á educación hai moitas diferenzas en España respecto de EE.UU.?

En todo o mundo, as aplicacións da IA son de natureza similar. O inglés é un idioma predominante nas ferramentas de IA, pero que pronto se traduce a outros idiomas. O uso da intelixencia artificial non parece estar nin máis estendido nin menos que en Europa. A miúdo depende de cada educador e de se adopta ou non as novas tecnoloxías.