IA Verde e TuTIC na feira de divulgación científica LandraCiencia da man do CITIC
- LandraCiencia é a Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia que promove o Concello de Carballo e que celebra a súa terceira edición o vindeiro 8 de febreiro
- Verónica Bolón, que forma parte do equipo organizador, presentará a proposta IA Verde da Cátedra UDC-Inditex para explicar que é a intelixencia artificial e como pode contribuir á sustentabilidade; e Adriana Dapena e Paula Castro achegarán o proxecto TuTIC para crear circuitos eléctricos e experimentar sensores
O CITIC da UDC participa nunha nova edición da feira de divulgación científica LandraCiencia o vindeiro 8 de febreiro, en Carballo, con dúas propostas. A primeira é o proxecto IA Verde, vinculado á Cátedra UDC-Inditex, no que Verónica Bolón, integrante do equipo organizador do evento, explicará que é a intelixencia artificial e como pode contribuír á sustentabilidade. A segunda é o Proxecto TuTIC, que presentarán as investigadoras Adriana Dapena e Paula Castro e que permitirá ás persoas participantes crear circuítos eléctricos e experimentar con sensores.
Ademais do ámbito das TIC, a feira encadrada no programa de actividades do Día da Muller e a Nena na Ciencia, ofrece tamén obradoiros e charlas sobre ciencias sociais, da saúde, ecoloxía e actividades lúdicas e zona de experimentos para todos os públicos.
En total, nove equipos de investigación presentarán proxectos punteiros desde as 10.30 ata as 13.30 horas na planta alta do mercado municipal co obxectivo común de achegar a ciencia á cidadanía, fomentar vocacións científicas desde a infancia e visibilizar o papel das mulleres na investigación.
Iniciativas coma a de LandraCiencia, sinala a investigadora do CITIC Verónica Bolón, teñen unha “importancia clave no fomento das vocacións científicas, sobre todo das nenas”, xa que, lembra, “as mulleres aínda somos minoría, arredor do 13%, no campo das ciencias tecnolóxicas”.