CITIC

Inauguración do programa "Das TIC ao ceo"

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e o Consello Social da Universidade da Coruña, presentan o programa “Das TIC ao ceo”, que ten o obxectivo de fomentar vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes de secundaria e bacharelato. Este ciclo de conferencias, impartidas por antigos alumnos e alumnas da Universidade da Coruña, terá lugar de forma online durante os meses de abril e maio, e inaugúrase este xoves 22 de abril con motivo da celebración do Día Internacional das Nenas nas TIC.

A través de charlas en liña ofrecidas por profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector, búscase promover no alumnado o interese de cara ás disciplinas STEAM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas, polas súas siglas en inglés).

O ciclo é inaugurado pola investigadora, doutora en Informática e profesora na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, Ana Freire. É cofundadora do proxecto Wisibilízalas, premio Ada Byron Joven 2019 da Universidade de Deusto e foi seleccionada por Business Insider entre os 23 mozos españois de 35 anos ou menos chamados a liderar a revolución tecnolóxica. A charla estará moderada polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, e dirixirase a 100 estudantes de 4ª da ESO e 1º de bacharelato do Colexio Calasanz PP Escolapios da Coruña.

Desta forma, coa iniciativa “Das TIC ao ceo”, o CITIC e o Consello Social suman forzas para contribuír ao fomento das vocacións tecnolóxicas, en liña cos seus obxectivos estratéxicos, e que se incorpora a outros proxectos postos en marcha na UDC como a implicación nos programas STEMbach e Inspira STEAM. Esta acción tamén pon en valor o talento coruñés para servir como referente á mocidade.