CITIC

Intelixencia artificial para mellorar a predición e resposta a grandes emerxencias transfronteirizas da man do CITIC da UDC

13/12/2023 - CITIC
  • Grazas ao proxecto ATEMPO, que se presentou esta mañá en Oporto e no que participan institucións públicas e centros de investigación de Galicia, Portugal e Castela e León
  • O acto de presentación contou coa conferencia da investigadora do CITIC Amparo Alonso sobre as “posibilidades de aplicación da IA nas emerxencias”
  • Buscar a aplicación da IA e innovacións tecnolóxicas á resposta anticipada de incendios ou inundacións é o obxectivo do programa, que tamén inclúe análise de datos con técnicas de deep learning, modelos avanzados preditivos de apoio á toma de decisións e á dotación de recursos
  • O desenvolvemento tecnolóxico baseado en IA do proxecto, que durará ata o 2025, está coordinado desde a UDC polo director científico do CITIC, Manuel G. Penedo

Aplicar as vantaxes da intelixencia artificial e outras innovacións tecnolóxicas nas grandes emerxencias transfronteirizas é o principal obxectivo do proxecto ATEMPO, presentado hoxe en Porto. Enmarcado no POCTEP 2021-2027 de Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias, está impulsado por diferentes institucións públicas e centros de investigación de Galicia, Portugal e Castela e León. Desde a Comunidade galega, é a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) a encargada de marcar as grandes liñas de actuación; e o CITIC da UDC, baixo a coordinación do seu director Manuel G. Penedo, asume o desenvolvemento tecnolóxico baseado en IA deste proxecto, no que participan tamén investigadores do Campus Industrial de Ferrol.

Tras unha reunión do comité de xestión e coordinación do proxecto, o acto de presentación de ATEMPO tivo lugar esta mañá na cidade portuguesa de Porto e contou coa presenza de diferentes autoridades luso-españolas, entre as que destacaron o vicepresidente da CCDRN, Beraldino Pedrés; e o xerente da AXEGA, Marcos Araújo. A investigadora do CITIC Amparo Alonso impartiu, no transcurso do evento, unha conferencia sobre “as posibilidades da aplicación da IA nas emerxencias”. Na súa intervención, Alonso destacou o papel da IA como ferramenta para facer fronte a situacións de emerxencia, sendo “imprescindible para ser capaces de anticiparnos ás mesmas, planificar e xestionar os recursos á hora de facer fronte ás emerxencias ou realizar simulacións”. Tamén destacou a importancia da cooperación transfronteiriza ante a necesidade de actuar de forma conxunta neste tipo de situacións.  Ademais, falou sobre as posibilidades que ofrece a IA para o coñecemento de campo, para a coordinación e comunicación interadministrativa e para suplir as necesidades loxísticas.

Pola súa banda, o Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya, agradeceu que contasen coa Universidade para este proxecto e recalcou a importancia da cooperación entre estes territorios (Galicia e Norte de Portugal, así como Castela e León).

Resposta anticipada, racional e intelixente

Trátase dun ambicioso programa colaborativo de tratamento e xestión de emerxencias, que busca, grazas á actuación conxunta de administracións e centros de investigación, mellorar a resposta a grandes desastres naturais, como incendios ou inundacións como principais consecuencias do cambio climático.

O labor do CITIC no proxecto ATEMPO centrarase no desenvolvemento de sistemas de predición de accidentes mediante técnicas de deep learning a partir das bases de datos dos diferentes socios e doutras fontes como os servizos de meteoroloxía, a actividade económica de polígonos, fontes demográficas ou ordenación do territorio. Inclúe ademais o desenvolvemento de algoritmos de análises de datos baseados en IA, en concreto ferramentas preditivas na xestión de emerxencias e modelos avanzados de predición que poidan contribuír á toma de decisións e á correspondente dotación de recursos a través de sistemas de recomendación de dimensionamento. Estas tarefas serán desenvolvidas por equipos de persoal investigador liderados polos membros do CITIC Miguel Luaces e Elena Hernández Pereira.

Para o director do CITIC, Manuel G. Penedo, este programa supón “un importante avance para demostrar a capacidade do noso centro na transferencia de coñecemento ás necesidades reais da sociedade” e por iso “estamos moi satisfeitos por poder achegar a nosa experiencia en IA a este proxecto e colaborar estreitamente coa AXEGA da Xunta de Galicia e outros socios como a Junta de Castilla y León, o CIM Alto Minho, CCDR Norte, a Guarda Nacional Republicana ou o Instituto Nacional de Emêrgencia Medica, entre outros”.

“Significa tamén profundar na cooperación coa AXEGA, que mantemos desde o pasado 2021, ano no que iniciamos reunións para valorar o papel das TIC no tratamento intelixente e a xestión de emerxencias a partir, nese momento, dos sinais de voz e análise de noticias falsas”, sinala o director do CITIC. “O reto de estender esta colaboración transfronteiriza con outros socios de alto nivel é unha mostra máis da confianza institucional na nosa capacidade competitiva”, conclúe.