CITIC

Investigadoras do CITIC abordan a relevancia da muller na IA no marco do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia no MUNCYT de A Coruña

07/02/2024 - CITIC
  • A Facultade de Informática da UDC (FIC) e o museo coruñés organizan mañá, xoves 8 de febreiro, varias charlas impartidas por catro profesoras e investigadoras expertas en Intelixencia Artificial.
  • Bertha Guijarro Berdiñas, Susana Ladra González, Verónica Bolón Canedo e Adriana Dapena Janeiro serán as encargadas de impartir esta sesión divulgativa que leva por título “Directo 11F – Conecta con Enxeñeiras Informáticas. Intelixencia Artificial”.
  • A iniciativa está dirixida ao alumnado de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, coa finalidade darlles a coñecer a investigación que desenvolven estas catro enxeñeiras informáticas para motivar ao estudantado nas vocacións científico-tecnolóxicas.
  • As estudantes poden inscribirse a través da dirección reservascor@muncyt.es ou por teléfono, chamando ao 689 57 87 27.

Investigadoras do CITIC participan mañá, xoves 8 de febreiro, na sesión divulgativa “Directo 11F. Conecta con Enxeñeiras Informáticas. Intelixencia Artificial”, organizada pola Facultade de Informática da UDC (FIC) e o MUNCYT da Coruña, que terá lugar no museo coruñés con gallo da vindeira conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A acción divulgativa está centrada este ano no papel relevante das mulleres na Intelixencia Artificial, que abordarán catro recoñecidas enxeñeiras informáticas e expertas en IA. Trátase de Bertha Guijarro Berdiñas, Susana Ladra González, Verónica Bolón Canedo e Adriana Dapena Janeiro, que analizarán dende os desafíos das novas tecnoloxías ata a IA verde.

A sesión divulgativa está dirixida a alumnado de Educación Secundaria e Formación Profesional e terá lugar entre as 10:30 e as 13:30 horas.

Programa

Bertha Guijarro Berdiñas será a encargada de impartir a primeira das charlas: “Comprender a IA”, na que falará sobre como e cando nace a Intelixencia Artificial, como se adestra, en que se asemella á Intelixencia Natural; afondando nas bases da Intelixencia Artificial que permiten comprender mellor o funcionamento destes algoritmos, as súas interesantes posibilidades e tamén os seus riscos.

Bertha Guijarro é doutora en Informática, profesora Titular da UDC e investigadora do CITIC nos campos da IA, a aprendizaxe computacional e os sistemas baseados no coñecemento. Ademais, a nivel estatal é colaboradora da Subdirección Xeral da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva (ANEP) para a subárea científica de Sistemas Intelixentes.

A segunda intervención correrá a cargo de Susana Ladra ás 11:15 horas e terá ao ChatGPT como protagonista. Que é e por que ten marabillado ao mundo, que pode e que non pode facer esta ferramenta, como pode razoar e entender o que lle dicimos, son algunhas das preguntas ás que tentará dar resposta a enxeñeira e doutora en Informática, graduada en Matemáticas, e profesora Titular da Facultade de Informática da UDC. Ladra é tamén investigadora no CITIC e vén de ser nomeada adxunta de Transferencia da UDC no novo equipo de goberno do recentemente nomeado reitor, Ricardo Cao, ademais de ostentar o cargo de vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). As súas liñas de investigación desenvólvense na área da compresión de datos, a análise de algoritmos e estruturas de datos para bioinformática, as bases de datos, a minería de datos e a recuperación da información.

A terceira charla terá lugar ás 12:00 horas e será impartida por Verónica Bolón Canedo sobre “Intelixencia Artificial Verde”, tentando responder á pregunta de se é apropiado que un algoritmo de IA sexa responsable dun consumo de enerxía estimado equivalente ao dun fogar español durante 23 anos. Bolón afondará no concepto de IA verde, explicando como se poden crear algoritmos que sexan máis sostibles e respectuosos co medio ambiente.

Verónica Bolón é enxeñeira en Informática e doutora pola UDC, onde exerce como profesora Titular e investigadora en Intelixencia Artificial no CITIC. Ademais, a nivel estatal, é académica da Academia Joven de España e da Real Academia de Ciencias. No seu currículo destaca tamén o seu compromiso co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas, sendo coordinadora do nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM.

Finalmente, ás 12:45 horas, terá lugar a cuarta e última das charlas, na que Adriana Dapena falará sobre “IA para interfaces persoa-máquina”. Saber se a Intelixencia Artificial pode cambiar a forma en que as persoas interactúan coas máquinas é a pregunta á que intentará dar resposta, afondando no pasado, o presente e o futuro das interfaces gráficas. Así mesmo, presentará casos reais do uso de IA para interactuar coas máquinas dunha forma pouco convencional.

Adriana Dapena é enxeñeira en Informática e doutora pola Universidade da Coruña, onde desenvolve o seu traballo como catedrática e investigadora na área de Teoría do Sinal e Comunicacións. Foi directora do proxecto “Xeometría Aplicada” e recibiu premios da UDC por proxectos de aprendizaxe servizo orientados a achegar a ciencia e a tecnoloxía a persoas con diversidade cognitiva e funcional.

A finalidade da sesión divulgativa deste xoves coas catro recoñecidas expertas en IA da UDC é visibilizar as mulleres científicas, proporcionar roles femininos no ámbito da ciencia e fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as máis novas.