CITIC

Investigadoras do CITIC organizan un workshop nunha conferencia internacional sobre Algoritmos Verdes no marco da Cátedra da UDC-Inditex

03/05/2024 - CITIC
  • A cita internacional, para a que acaban de lanzar a convocatoria de recepción de traballos, terá lugar en Miami a finais de ano e aborda como dar forma a un mundo sostible con innovación en intelixencia artificial

A Coruña, 03 de maio de 2024.-“Algoritmos verdes: dar forma a un mundo sostible con innovación en IA” é o título do workshop que reunirá a especialistas de todo o mundo en intelixencia artificial no ámbito da sustentabilidade. O taller forma parte do programa da “23rd International Conference on Machine Learning and Applications”, que terá lugar en Miami do 18 ao 20 de decembro de 2024 e está organizado polos investigadores do CITIC da UDC Verónica Bolón, Laura Morán, Brais Cancela e Amparo Alonso no marco da programación da Cátedra da UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes. 

IA, aliada na loita contra o cambio climático 

Os algoritmos ecolóxicos (ou verdes) caracterízanse por ser capaces de optimizar a eficiencia enerxética e minimizar a pegada ambiental dos modelos de IA. Estes algoritmos teñen como obxectivo facilitar a utilización da tecnoloxía para abordar diversos desafíos ambientais desde unha dobre categorización: por unha banda, algoritmos que melloran a sustentabilidade ambiental ao optimizar o uso de enerxía e ao mellorar a eficiencia das enerxías renovables; e, por outro, algoritmos enerxeticamente eficientes, cuxa finalidade é reducir o impacto ambiental das súas operacións. 

 Con este enfoque organízase o simposio internacional no que, desde agora e ata o 31 de xullo, convidan a presentar artigos e relatorios sobre cuestións teóricas e prácticas relevantes no campo da IA sostible. As contribucións poden abordar aspectos, entre outros, como:  

  • Examinar as implicacións éticas e sociais dos algoritmos verdes e a IA. O desenvolvemento de algoritmos enerxeticamente eficientes para adestramento e/ou inferencia. 
  • A investigación sobre enfoques de IA para técnicas sostibles de xestión e almacenamento de datos. 
  • Explorar o uso de fontes de enerxía renovables para a intelixencia artificial. 
  • Investigar métodos para reducir a pegada de carbono dos algoritmos de IA. 
  • Estudar o impacto dos algoritmos verdes en diversas industrias e aplicacións. 
  • Aplicacións de IA para lograr a sustentabilidade e combater o cambio climático. 
  • IA explicable en algoritmos e aplicacións ecolóxicas para mellorar a transparencia e a rendición de contas. 
  • Ferramentas e estruturas para o consumo computacional de algoritmos. 

Pódese atopar máis información no seguinte link: https://www.icmla-conference.org/icmla24/howtosubmit.html