CITIC
11FEB-DIA-INTERNACIONAL-MUJER-Y-NIÑA-CIENCIA

Investigadoras do CITIC participan en actividades divulgativas con motivo do 11F

16/02/2022 – CITIC

Para conmemorar o 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, investigadoras do CITIC participaron en diferentes actividades divulgativas organizadas coa finalidade de promover as vocacións STEAM entre as nenas e visibilizar o papel da muller na ciencia.

En 2015, a ONU proclamou o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia co obxectivo de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, ademais de lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e as nenas.

 

Con este propósito, a Facultade de Informática da UDC e o MUNCYT Coruña organizaron un ciclo de charlas online impartidas por mulleres tituladas pola UDC que se dedican a profesións tecnolóxicas, retransmitidas en varios centros educativos de secundaria, bacharelato e Formación Profesional. Entre elas, a investigadora Laura Castro Souto impartiu a charla “A tecnoloxía é para min?”.

 

O IES Ramón Menéndez Pidal – Zalaeta (A Coruña) acolleu senllas charlas das investigadoras Bertha Guijarro Pardiñas e María Martínez Pérez. Bertha Guijarro ofreceu a charla “Intelixencia artificial? Naturalmente!” ao alumnado de 3º de ESO, mentres que os grupos de 2º de ESO asistiron a “Ciencia e tecnoloxía para todo e para tod@s”, de María Martínez.

 

 

Pola súa banda, o IES Agra do Orzán recibiu a Beatriz Pérez Sánchez para impartir o coloquio “Nenas, Enxeñería e Informática” para estudantes de 4º de ESO.

 

Ademais, Thais Pousada tomou parte na iniciativa “Atrévete a pescudar con elas!”, promovida pola Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC. Así, participa nun vídeo dirixido a escolares de educación secundaria, onde diferentes investigadoras da Universidade explican dunha forma sinxela a súa traxectoria científica e vital, co fin de incentivar a curiosidade pola profesión investigadora e científica.