Investigadores da área de Ciencia da Computación e IA do CITIC desenvolven tres proxectos relacionados co COVID-19
07/04/2020
Un grupo de investigadores da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial do CITIC, dirixidos por Marcos Ortega, atópanse traballando en tres iniciativas que teñen o obxectivo de buscar solucións para a crise sanitaria producida polo COVID-19. Estes tres proxectos baséanse en novos desenvolvementos e en adaptacións de resultados previos.
- Ferramenta de recolleita de datos clínicos de pacientes para estudos asociados a riscos patolóxicos
Trátase dunha ferramenta web distribuída e securizada que permite recoller toda a información dun paciente (historial clínico, analítica, probas de imaxe, recollida de constantes vitais, etc.) á vez que incorpora ferramentas automáticas de estratificación do paciente. Así, permite homoxeneizar a recolleita, consulta e utilización da inxente cantidade de datos necesaria para establecer os estudos clínicos relacionados co COVID-19. É facilmente integrable con posibles solucións que permitan xerar coñecemento novo sobre o comportamento dos pacientes segundo tipoloxía.
- Ferramenta automática para mellora da eficacia dos tests RT-PCR
Este módulo, que xa se está desenvolvendo en colaboración co persoal clínico, servirase do uso de técnicas de aprendizaxe profunda sobre un número significativo de mostras tanto positivas como negativas das probas RT-PCR realizadas con varios dispositivos. Os enfoques da información servida serán dúas: por unha banda, coñecendo o resultado do test e a valoración clínica do paciente posteriormente, o sistema aprenderá a mellorar a resposta do test reducindo principalmente o número de falsos negativos, coñecidos no conxunto de adestramento.
Así mesmo, complementariamente, poderase mostrar unha estimación da fiabilidade do test en función das características do paciente.
Isto permitirá reducir o número de casos non detectados con sintomatoloxía leve ou asintomáticos e evitará, xa que logo, que se convertan en novos focos de contaxio.
- Ferramenta de triaxe e estratificación asistencial en base a imaxe radiolóxica
Este proxecto tamén se está poñendo en marcha, planteado sobre probas radiolóxicas que permitan un uso eficiente para que sexa factible o acceso ao mesmo por parte da maioría dos pacientes con sospeita de afectación por COVID-19. Xa que logo, suscítase o uso de Rx co obxectivo de que a chegada desta solución teña un impacto o máis amplo e inmediato posible. Mediante o uso de técnicas de intelixencia artificial dispoñerase dun módulo de triaxe automático e inmediato en base a imaxe radiolóxica.