Investigadores do CITIC coordinan un proxecto europeo para desenvolver un plan de estudos de Intelixencia Artificial na educación secundaria
20/05/2020
Investigadores do CITIC coordinan o proxecto europeo de innovación educativa “AI+ Developing an Artificial Intelligence Curriculum adapted to European High School”. Liderado polo investigador da área de Intelixencia Artificial do CITIC, Francisco Javier Bellas Bouza, o proxecto ten o obxectivo de desenvolver un plan de estudos de Intelixencia Artificial adaptado á educación secundaria en Europa. Este plan de estudos estará dirixido a estudantes de 15 a 17 anos con formación básica previa en robótica e programación.
O proxecto ten unha duración de tres anos e conta cun financiamento de 371.512 euros, o maior de todas as concedidas na convocatoria K201 (educación escolar) en 2019.
O consorcio que integra o proxecto está composto por seis socios de cinco países: España, Italia, Lituania, Eslovenia e Finlandia. O equipo do CITIC desenvolverá todos os resultados intelectuais en colaboración co resto dos centros escolares asociados.
Este traballo supón unha oportunidade tanto para a UDC como para o sistema educativo galego, xa que permitirá posicionarse como referente en innovación tecnolóxica en España e Europa, potenciando unha materia que se prevé que terá gran demanda nos próximos anos en todo o mundo.