Investigadores do CITIC participan no ICASSP 2020 cun traballo sobre imaxe médica oftalmolóxica
27/05/2020
Os investigadores do CITIC Álvaro S. Hervella, Lucía Ramos, José Rouco, Jorge Novo e Marcos Ortega presentaron un traballo na 45th International Conference on Acoustics, Speech, and Signal Processing – ICASSP 2020. Este congreso é un dos máis relevantes a nivel internacional nos ámbitos de acústica, fala e procesado de sinais. Este ano estaba previsto que se celebrase en Barcelona, pero debido á crise do COVID-19, finalmente celebrouse de modo online.
O traballo, titulado “Multi-modal self-supervised pre-training for joint optic disc and cup segmentation in eye fundus images”, ofrece avances innovadores para a análise de imaxe médica oftalmolóxica. Estes avances enmárcanse dentro das técnicas de intelixencia artificial usando aprendizaxe profunda, onde se suscitaron paradigmas novidosos de pre-adestramento multimodal. Esta formulación ten un enorme potencial no dominio de análise automática de imaxe médica, como mostra a aplicación concreta que, neste caso, aborda a segmentación de importantes estruturas anatómicas do ollo (copa e disco), cuxo análise está directamente relacionado co diagnóstico de patoloxías de enorme incidencia poboacional, como é o glaucoma.