CITIC

Investigadores do CITIC reciben un recoñecemento da RAGC polo seu papel na loita contra o Covid-19

23/07/2020

Investigadores do CITIC recibiron un recoñecemento por parte da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) polo seu importante papel na loita contra o Covid-19 nun acto celebrado onte no Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela. A RAGC quixo recoñecer o traballo desenvolvido por 20 grupos de investigación (9 da USC, 7 da UVigo e 3 da UDC-CITIC) que desenvolveron proxectos centrados en paliar os efectos da pandemia do coronavirus SARS-CoV-2. Estes proxectos foron finaciados por diversas institucións como o Instituto de Salud Carlos III, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Fondo Supera-Covid, a Fundación Amancio Ortega, o SergasTragsaAugas de Galicia e Edar Bens.

Os investigadores do CITIC Ricardo Cao, Susana Ladra e Marcos Ortega foron os encargados de recibir un galardón en representación de grupos de investigación da UDC e proxectos centrados na procura de solucións directas frente ao Covid-19.

Ricardo Cao recibiu o galardón en representación do Grupo Modelización, Optimización e Inferencia Estadística da UDC e pola súa achega en proxectos relacionados coa modelización matemática para determinar o impacto futuro da infección baixo diferentes supostos e analizar a súa distribución xeográfica. Así mesmo, cabe destacar que Ricardo Cao é presidente do comité de expertos da iniciativa “Acción Matemática contra el Coronavirus“.

A súa vez, Susana Ladra recolleu o recoñecemento outorgado ao proxecto EPICOVIGAL, Epidemoloxía xenómica e monitorización en tempo real do SARS-CoV2 en Galicia, proxecto liderado polo investigador da UVIGO David Posada e do que Ladra é investigadora principal na UDC

Por último, Marcos Ortega recolleu o galardón en representación do Grupo de Investigación de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns da UDC cuxo equipo investigador desenvolveu diferentes proxectos destinados a mellorar a eficiencia, precisión e rapidez dos procesos de diagnóstico de persoas infectadas pola Covid-19 a través da Intelixencia Artificial.

O acto concluíu coa intervención da Conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, Carmen Pomar, quen indicou que é un bo momento para aproveitar o prestixio social no que se atopa a ciencia para conseguir un recoñecemento ao silencioso labor dos investigadores.