CITIC

Investigadores do CITIC da UDC desenvolven un novo procedemento estatístico que mellora a ensamblaxe de bloques en construción naval

16/12/2024 - CITIC
  • O procedemento baséase en simulacións exhaustivas con datos sintéticos.
  • O estudo, publicado na revista Quality and Reliability Engineering International, presenta unha ferramenta personalizada para avaliar a competencia dos estaleiros neste proceso clave, que tecnicamente se lle chama: enfiado das bulárcamas.

A Coruña, 16 de decembro. – Un grupo de investigadores do CITIC da Universidade da Coruña, integrado por Salvador Naya, Ricardo Cao e Javier Tarrío, desenvolveu un procedemento estatístico innovador que optimiza o proceso de ensamblaxe de bloques na construción naval. Este método está deseñado para predicir a probabilidade de éxito ao inserir elementos transversais a través de paneis que conteñen compoñentes lonxitudinais, un paso crítico na construción de buques.

O procedemento baséase en simulacións exhaustivas con datos sintéticos. Os investigadores analizaron factores clave como as dimensións dos paneis, a súa estrutura e propuxeron un novo método que permite calcular a probabilidade de enfiado das bulárcamas. Ademais, realizaron unha análise de sensibilidade que identifica as variables máis influentes no proceso.

O investigador do CITIC, Salvador Naya, resalta que “este avance estatístico non só axuda a garantir ensamblaxes de maior calidade, senón que tamén contribúe ao cumprimento dos prazos de produción, redución de custos e consumo eficiente de recursos. É unha achega significativa para aumentar a competitividade dos estaleiros”.

Industria 4.0

A construción naval, un sector altamente competitivo, enfronta retos relacionados coa variabilidade dos seus procesos e a necesidade de mellorar a precisión das ensamblaxes. Este estudo propón unha análise exhaustiva das variables críticas que afectan a ensamblaxe de bloques de paneis, contribuíndo á transformación dixital dos estaleiros cara a unha maior automatización, como parte da iniciativa da Industria 4.0. No caso do estaleiro de Navantia en Ferrol, búscase reducir os tempos de produción e os custos mediante a integración de tecnoloxías avanzadas como a robótica e o IoT.

O estudo, publicado na revista Quality and Reliability Engineering International, presenta unha ferramenta personalizada para avaliar a competencia dos estaleiros neste proceso clave e suxire melloras baseadas nos resultados obtidos.

O procedemento, baseado en datos sintéticos e reais de Navantia, aplícase no marco do “Proxecto de Control Dimensional” que se iniciou dentro da Unidade Mixta de Investigación Navantia – Universidad da Coruña, e que continúa nesta mesma liña dentro do novo Centro Mixto de Investigación (CEMI), onde se utilizan ferramentas estatísticas para automatizar procesos e mellorar a precisión dimensional.

Centro mixto UDC-Navantia

O Centro Mixto de Investigación (CEMI) UDC-Navantia “O estaleiro do Futuro” nace o 12 de xullo de 2022, co apoio económico da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

O CEMI supón unha continuación a dúas etapas previas: unha primeira vinculada á creación da Unidade Mixta de Investigación (UMI) UDC-Navantia (2015-2018) e unha segunda á súa consolidación (2018-2021). As actuacións desenvolvidas ao amparo destas dúas etapas xurdiron pola inquietude de Navantia para iniciar un profundo proceso de transformación orientado á sustentabilidade da empresa no mercado do século XXI. A Universidade da Coruña (UDC) contribuíu a dar soporte á innovación tecnolóxica necesaria para a devandita transformación. A experiencia acumulada na UMI permitiu identificar novas necesidades de desenvolvementos tecnolóxicos e intensificar a colaboración entre Navantia e a UDC.

Para máis información, o artigo completo está dispoñible aquí.