CITIC

Investigadores do CITIC da UDC participan nun proxecto piloto de tecnoloxía 5G

15/09/2020 – CITIC

  • O proxecto Ocuexplorer 5G foi subvencionado pola Entidade Pública Empresarial Red.es.
  • O obxectivo do proxecto é mellorar a prevención e a accesibilidade do coidado oftalmolóxico avanzado.

A Coruña, 15 de setembro de 2020.- Os investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, Marcos Ortega e Jorge Novo, participan no proxecto Ocuexplorer 5G, coordinado polo Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Profesor Fernández Vigo (CIOA). O proxecto, liderado por Telefónica, é un dos promovidos polo Goberno a través dunha convocatoria pública de axudas cun presuposto agregado de máis de 36 millóns de euros, dos que máis de 10 millóns serán cofinanciados pola Entidade Pública Empresarial Red.es a través dos fondos FEDER da UE. Este piloto inclúe oito casos de uso que se desenvolverán en Galicia a cargo da Unión Temporal de Empresas composta por Telefónica, Ericsson, Nokia, Cinfo, Idronia, Telnet Redes Inteligentes e o Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Fernández-Vigo.

Ocuexplorer 5G baséase en novas tecnoloxías ópticas, técnicas de telecontrol, comunicacións 5G e Intelixencia Artificial e ten como obxectivo facer máis accesible o coidado oftalmolóxico de pacientes, principalmente a persoas maiores, persoas con problemas de mobilidade e procedentes de lugares con difícil acceso aos centros médicos. Así, o prototipo de teleoftalmoloxía avanzada Ocuexplorer 5G constitúe un mecanismo de axuda para os oftalmólogos, que permita chegar a unha maior poboación de forma máis eficiente, avanzando no desenvolvemento dunha oftalmoloxía preventiva para toda a poboación. A teleoftalmoloxía pode ser unha ferramenta clave nestes momentos de pandemia, xa que practicamente podería consultarse a distancia, evitando desprazamentos aos centros médicos e evitando así a exposición ao virus.

O prototipo desenvolto polo consorcio formado polo Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Profesor Fernández Vigo (CIOA), Telefónica, Idronia e o CITIC consta dun dispositivo que toma imaxes de alta definición do ollo, que posteriormente filtra utilizando técnicas de Intelixencia Artificial. As imaxes envíanse ao oftalmólogo en tempo real, aproveitando o gran ancho de banda que permite a rede móbil 5G.

Os investigadores do CITIC Marcos Ortega e Jorge Novo foron os encargados de desenvolver o software de Intelixencia Artificial capaz de analizar retinografías e identificar potenciais riscos de patoloxías oculares. O sistema permite realizar un cribado de cantidades masivas de información e notificar ao oftalmólogo cada vez que se identifique unha retinografía con parámetros fóra da normalidade, para que sexa examinada de forma axeitada.

O proxecto Ocuexplorer 5G aportará progresos na prevención e diagnóstico das enfermidades do ollo, conseguindo un sistema de oftalmoloxía preventiva máis avanzado e intelixente a través da nova xeración de tecnoloxía móbil 5G.