CITIC

Investigadores do CITIC falarán sobre as conexións da ciencia e a tecnoloxía e o seu impacto na sociedade na Semana da Ciencia

12/11/2024 - CITIC
  • As charlas divulgativas, que teñen lugar este xoves 14 de xeito presencial no MUNCYT ou de forma virtual, están dirixidas a estudantes de Secundaria e Bacharelato.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña ofrecerá un ciclo de charlas divulgativas dirixidas ao alumnado de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, recomendado para estudantes a partir dos 14 anos. Estas charlas, enmarcadas na Semana da Ciencia teñen como obxectivo principal mostrar as conexións entre a ciencia, a tecnoloxía, a informática, a lingüística e as matemáticas, e explorar o impacto destas áreas na sociedade actual. 

As sesións terán lugar este xoves, 14 de novembro, de maneira presencial no MUNCYT Coruña ou de forma virtual, permitindo a participación de centros educativos de toda España a través de videoconferencia. 

Programa 

  • 10:30-11:00 h. “A informática e o recoñecemento do xenoma dun individuo”, por José Ramón Paramá Gabía. Esta charla afondará nos avances informáticos que permiten secuenciar o xenoma humano de forma rápida e accesible, abordando como a tecnoloxía reduce os custos e tempos deste proceso. 
  • 11:15-11:45 h. “Ciencia e tecnoloxía para interfaces cerebro-ordenador”, con Adriana Dapena Janeiro. A través desta sesión, o alumnado descubrirá como as interfaces cerebro-ordenador (BCI) transforman a actividade cerebral en comandos para controlar dispositivos tecnolóxicos, combinando disciplinas como a ciencia, a enxeñaría e as matemáticas. 
  • 12:00-12:30 h. “Relacións entre a lingüística e a intelixencia artificial”, con Margarita María Alonso Ramos. Esta charla centrarase no ámbito das tecnoloxías lingüísticas, amosando o papel fundamental da lingüística en aplicacións como tradutores automáticos e sistemas de busca. Tamén se avaliarán sistemas actuais, como ChatGPT, desde unha perspectiva lingüística. 
  • 12:45-13:15 h. “Viaxe polos sistemas de posicionamento”, presentada por Carlos J. Escudero. Nesta sesión explicarase a evolución das tecnoloxías de posicionamento e como sistemas modernos, como o GPS, permiten localizar con precisión dispositivos en calquera lugar do mundo. 

Participación e inscrición 

As charlas serán de acceso presencial, con aforo limitado ao espazo dispoñible no salón de actos, ou a través de videoconferencia. Para asistir, é preciso facer a reserva por correo electrónico (reservascor@muncyt.es) ou por teléfono (689 578 727), indicando as sesións nas que participará cada grupo. Para o acceso online, os centros participantes deberán contar cunha conexión a internet e medios audiovisuais na aula. 

As preguntas poderán enviarse con antelación ao correo de reservas, para ser seleccionadas e agrupadas segundo a súa relevancia e similitude coas preguntas doutros centros. 

Este ciclo de charlas é unha excelente oportunidade para achegar á mocidade os últimos avances en áreas clave para o desenvolvemento tecnolóxico e científico.