CITIC

Investigadores do CITIC publican un traballo sobre un innovador software baseado en IA para a impresión 3D de produtos farmacéuticos

06/10/2020 – CITIC

Os investigadores do CITIC Brais Muñiz Castro e Gilberto Pérez, en colaboración con investigadores da empresa de biotecnoloxía FabRx (Reino Unido) e da UCL (University College London), publicaron un artigo na revista International Journal of Pharmaceutics, a segunda revista máis citada no ámbito das ciencias farmacéuticas. O traballo titúlase “A novel machine learning approach for predicting the 3D printability of medicines” e explora un innovador software baseado en Intelixencia Artificial para a impresión en 3D de produtos farmacéuticos.

No contexto da medicina personalizada, o software baseado na web, chamado M3DISEEN, utiliza técnicas de aprendizaxe automática para predicir o éxito da impresión de dose a medida. O software demostra as capacidades de aprendizaxe da máquina para predicir múltiples parámetros clave no modelado por deposición fundida (MDF), unha das tecnoloxías de impresión en 3D máis utilizadas para os medicamentos personalizados.

A plataforma de Intelixencia Artificial é capaz de ofrecer altos niveis de precisión grazas aos centos de formulacións a medida xeradas UCL-School of Pharmacy e a empresa FabRx, durante un período de seis anos.

Ademais, M3DISEEN ten o potencial de poder aplicarse a outras técnicas de impresión en 3D como a extrusión directa de po (EDP), unha das diversas tecnoloxías innovadoras aplicadas por FabRx.

Máis información