A localidade ourensá de Seixalbo acolleu o pasado 29 de xuño a entrega do Premio Freire Carril, que outorga anualmente a asociación cultural Agromadas. Este ano, o galardón foi concedido ao subdirector do CITIC da Universidade da Coruña, Javier Pereira Loureiro, nacido nesta localidade ourensá.
O recoñecemento premia a súa brillante traxectoria académica e docente, así como a súa calidade humana e o seu papel como embaixador de Galicia no ámbito internacional. Con esta homenaxe quixeron poñer en valor non só a súa excelencia profesional, senón tamén a súa vinculación coa localidade de Seixalbo.
A entrega do premio serviu de colofón a unha nova edición da Festa do Foros, que organiza Agromadas desde hai case dúas décadas e que se consolidou como unha cita de referencia para a dinamización cultural e social do barrio.
O acto estivo presidido polo presidente de Agromadas, Manuel Hermino Iglesias, e o secretario da entidade, José Manuel Álvarez, quen destacou a importancia de recoñecer o talento local que deixa pegada dentro e fóra de Galicia.