CITIC

José Luis Calvo Rolle falou sobre o papel da educación técnica na mobilidade eléctrica no cume internacional de All Electric Society

30/09/2024 - CITIC

O investigador do CITIC da Universidade da Coruña José Luis Calvo Rolle participou recentemente como representante da rede educativa EduNet na mesa redonda titulada “The role of technical education in electric mobility in academic institutions”, celebrada durante o cume internacional “All Electric Society”. Este evento reuniu a expertos para debater o papel da educación técnica na transformación cara á mobilidade eléctrica e o seu impacto nas cidades intelixentes.

A mesa redonda, que contou coa participación de destacados académicos de universidades pertencentes á rede EduNet, abordou diversos aspectos clave como as enerxías renovables, a conversión de enerxía eléctrica, o almacenamento de enerxía e o desenvolvemento de infraestruturas intelixentes. Xunto a Calvo Rolle, estiveron Sergio García-Nieto, da Universidade Politécnica de Valencia, e Ramy Georgious e Francisco Linera, da Universidade de Oviedo, mentres que Joaquín González, tamén da Universidade de Oviedo, foi o moderador.

EduNet, rede á que pertence a UDC desde 2023, está promovida e financiada por Phoenix Contact e ten como obxectivo fomentar a dixitalización e a optimización de procesos nas empresas a través da automatización e as solucións intelixentes. Durante o evento, os participantes destacaron a importancia da colaboración entre institucións académicas e a industria para avanzar na formación de futuros profesionais que impulsen o desenvolvemento da mobilidade eléctrica e a xestión enerxética nunha contorna cada vez máis dixitalizado.