CITIC
Cátedra Emalcsa UDC (1)

José Luis Calvo Rolle incorpórase ao comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa-UDC

21/02/2022 – CITIC

O investigador do CITIC José Luis Calvo Rolle incorporouse ao comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa-UDC para o período 2022-2024. Este órgano multidisciplinario ten a función de asesorar á dirección sobre as iniciativas desenvolvidas desde a Cátedra.

O investigador Ricardo Cao tamén forma parte do comité científico-técnico, mentres que Salvador Naya, investigador do CITIC e vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, participa no comité de seguimento.

Ademais de Calvo Rolle, tamén se incorporaron ao comité científico-técnico María José Servia, Guillermo Iglesias e Jorge Delgado, e causaron baixa Jerónimo Puertas e Anxo Calvo. Desta forma, o órgano asesor pasa a estar formado por dez investigadores da UDC e catro representantes de Emalcsa que xa figuraban no comité anterior.

A Cátedra Emalcsa-UDC constitúe un marco de traballo entre ambas as institucións para avanzar no coñecemento dos sistemas de auga urbana desde a visión da sustentabilidade. Así, defínense estratexias e metodoloxía para a aplicación dos principios da xestión integrada do recurso auga no sistema de auga urbana, en diferentes contextos xeográficos, sociais e económicos.