CITIC

A investigadora do CITIC Beatriz Salvador obtén unha bolsa posdoutoral ERCIM en Ámsterdam

25/02/2019

A investigadora do CITIC Beatriz Salvador Mancho incorporouse a primeiros de febreiro a unha estancia posdoutoral no prestixioso Centro de Investigación de Matemáticas e Informática (CWI) de Ámsterdam, tras obter unha bolsa posdoutoral na competitiva convocatoria de ERCIM. A investigadora presentouse á convocatoria das bolsas ERCIM pouco tempo antes de defender a súa tese o 17 de decembro de 2018 na Facultade de Informática da UDC, en parte avalada polas publicacións asociadas á súa tese.

Beatriz Salvador realizou a súa tese baixo a dirección dos profesores e membros do CITIC, Íñigo Arregui Álvarez e Carlos Vázquez Cendón, dentro do programa de doutorado de Métodos Matemáticos e Simulación Numérica en Enxeñaría e Ciencias Aplicadas. A temática da tese enmárcase no modelado, análise matemática e simulación numérica dos axustes de valoración derivados da consideración do risco de contrapartida en certos contratos financieiros.

Durante a súa etapa predoutoral, Beatriz Salvador estivo financiada cun contrato FPI, que lle permitiu realizar estancias na Comenius University of Bratislava para traballar co profesor Daniel Sevcovic, obtendo varios artículos en colaboración.

A concesión da bolsa e a estancia posdoutoral supón unha oportunidade para desenvolver novos temas de investigación no ámbito das finanzas computacionais no CWI durante un ano, prorrogable por un segundo ano.