CITIC

A investigadora do CITIC Laura Castro participa na Iniciativa 11 de febreiro

11/02/2020

Con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a investigadora do CITIC Laura Castro participou na Iniciativa 11 de febreiro impartindo a charla “De Elviña á NASA” para o alumnado de 3º e 4º de ESO do IES Plurilingüe Elviña, centro do que ela mesma foi alumna.

Ao redor de 100 estudantes asistiron á charla, que tivo un importante compoñente participativo e que versou sobre os sistemas distribuídos, poñendo exemplos baseados en materias coas que están familiarizados, como as redes sociais, para facilitar a súa comprensión.

Desde a Iniciativa 11 de febreiro foméntase a organización de actividades de educación e sensibilización pública que axuden a lograr unha maior participación e progreso das mulleres e as nenas na ciencia. As actividades realízanse do 1 ao 15 de febreiro de cada ano e a coordinación corre a cargo de mulleres científicas de diferentes puntos de España.