A investigadora María José Martín participa como conferenciante nas Xornadas SARTECO
27/09/2019
A investigadora do CITIC María José Martín Santamaría foi conferenciante invitada nas Xornadas SARTECO, celebradas en Cáceres do 18 ao 20 de setembro. María José Martín participou xunto con outros investigadores destacados de máis de 30 universidades, empresas e centros de investigación españois para analizar aspectos relacionados coa Arquitectura e a Tecnoloxía de Computadores. Estas xornadas están promovidas pola Sociedade de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores.
A investigadora do CITIC presentou o seu traballo Novas tendencias en tolerancia a fallos para aplicacións paralelas, no que expón diferentes solucións para dotar de tolerancia a fallos ás aplicacións paralelas. Nun primeiro momento, faise unha análise das solucións tradicionais baseadas en parada e reinicio utilizando ficheros de checkpointing, para pasar a continuación a revisar a alternativa na que se están focalizando os esforzos de investigación na actualidade, a construción de aplicacións resilientes.