A investigadora Paula López Otero gaña o "Best System Award” no ALBAYZIN 2018
07/12/2018
A investigadora do CITIC Paula López Otero obtivo o premio “Best System Award” do ALBAYZIN 2018 – Search on Speech Challenge, outorgado durante o congreso Iberspeech, celebrado en Barcelona entre o 21 e o 23 de novembro de 2018.
Nesta competición internacional os participantes deben desenvolver un sistema que recupere os documentos multimedia que satisfán unha serie de consultas. Existen dúas modalidades: nunha delas as consultas introdúcense en formato texto, mentres que na outra se realizan mediante voz. O equipo GTM-IRLab, formado por Paula López Otero e Laura Docío Fernández, do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo, obtivo os mellores resultados en ambas modalidades.
Esta edición da competición Albayzín organizouse coa colaboración de Corporación Radio Televisión Española (RTVE) e a Cátedra RTVE da Universidad de Zaragoza, que aportaron un extenso conxunto de grabacións de programas de televisión, o que permitiu observar as prestacións dos sistemas desenvolvidos polos participantes nun marco de aplicación realista de recuperación de documentos multimedia.