A secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación visita as instalacións do CITIC da UDC
27/07/2018
- O reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, e o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, foron os encargados de recibir á secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ángeles Heras Caballero.
- Durante a visita, a cargo do director do CITIC, Manuel González Penedo, a secretaria de Estado puido coñecer de primeira man o labor do centro no ámbito das TIC.
A Coruña, 26 de xullo de 2018.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña ( CITIC) acolleu esta mañá a visita institucional da secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Ángeles Heras Caballero. Trala recepción por parte do reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, e o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín. Este último presentoulle ao equipo de goberno da UDC e a membros do Consello Social o programa para o fomento da responsabilidade social universitaria promovido pola UDC, o seu Consello Social e Inditex. E, posteriormente, comezou a visita ás instalacións do centro, da man do director do CITIC, Manuel González Penedo.
A secretaria de Estado coñeceu de primeira man as instalacións e a actividade do centro, nunha visita guiada polos laboratorios e o viveiro de empresas do CITIC na que o director, Manuel González, puxo en valor a labor investigadora da Universidade e a transferencia dos seus resultados ao sector produtivo no ámbito das TIC. Puido comprobar tamén o funcionamento dun voo autónomo non tripulado dun dron da liña SmartDrones, desenvolvida pola empresa Avasing, pertencente a investigadores ligados ao CITIC. Así mesmo, o centro mostrou os seus avances na integración da tecnoloxía LIDAR para drons.
Esta visita institucional foi a posta en valor do traballo conxunto entre universidade e empresa, exemplificado no CITIC ante a secretaria de Estado de Universidades. E, ademais, para visibilizar a labor dos profesionais do centro no eido das TIC.
Sobre o CITIC
O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC. Impulsado pola Universidade dá Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.