CITIC

A spin-off do CITIC, Appentra, promove unha nova edición do CESGAHACK

01/08/2018

Appentra Solutions, a spin-off participada pola UDC e promovida por investigadores vinculados ao CITIC, e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) organizan un ano máis o seu terceiro hackathon. O encontro celebrarase na sede do CESGA, en Santiago de Compostela, do 24 ao 28 de setembro. As persoas interesadas en participar poden rexistrarse ata o vindeiro 5 de agosto de forma gratuíta.

Grazas ao CESGAHack 3, un equipo de mentores expertos na optimización, paralelización e execución de aplicacións HPC darán respostas ás preguntas máis técnicas tanto de científicos como de programadores de aplicacións, acelerando así a súa aplicación no tempo de execución. E, ao mesmo tempo, diminuír o tempo que pasan codificando para mellorar o software.

Todos os participantes terán acceso ao supercomputador Finis Terrae II no CESGA e, ademais, tamén poderán utilizar o programa Parellelware Trainer de Appentra. Este permitiralles acelerar o ciclo de vida do seu desenvolvemento, xa que pode identificar rapidamente oportunidades reais para paralelizar a súa aplicación.