CITIC

Os investigadores Paula Fraga e Tiago Fernández propoñen o uso do blockchain para combater as "fake news”

08/07/2020

Os investigadores da área de Servizos e Redes Intelixentes e Ciberseguridade do CITIC, Paula Fraga Lamas e Tiago Fernández Caramés, propoñen nun artigo científico o uso de tecnoloxías de rexistro distribuído, especificamente blockchain, para combater as fake news.

Os investigadores do CITIC, a partir da identificación das principais potenciais aplicacións de blockchain, publicaron o artigo “Fake News, Disinformation, and Deepfakes: Leveraging Distributed Ledger Technologies and Blockchain to Combat Digital Deception and Counterfeit Reality” na revista IT Professional. Este traballo propón as principais recomendacións relativas ao deseño e implementación de solucións axeitadas xunto cos principais retos abertos para guiar os futuros desenvolvedores desta liña de investigación.

As fake news cobren asuntos de interese público e baséanse en enganos e manipulacións para xerar inseguridade e polarizar á poboación. De feito, coa chegada da pandemia do COVID-19, as fake news supoñen un risco potencial para a vida e a saúde das persoas, propagando información falsa sobre os efectos do virus, a transmisión, o tratamento, as vacinas ou incluso teorías da conspiración.

Así, o artigo publicado polos investigadores Paula Fraga Lamas e Tiago Fernández Caramés propón unha metodoloxía que ten o obxectivo de frear a difusión de fake news a través do blockchain.