CITIC
Luis_Castedo_foto

Luis Castedo recibe a Medalla de Investigación 2021

30/09/2021 – CITIC

O investigador do CITIC Luis Castedo acaba de recibir a Medalla de Investigación 2021, que concede a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para distinguir a traxectoria consolidada de cinco científicas e científicos galegos en activo das tres universidades galegas. Castedo foi elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal.

Así, a terceira edición das Medallas de Investigación recoñece traxectorias senlleiras en investigación desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o vindeiro 8 de outubro no Colexio de Fonseca en Santiago.

Luis Castedo Ribas é enxeñeiro de telecomunicacións e catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade da Coruña. É coautor de máis de 300 artigos en revistas e congresos internacionais de referencia en enxeñaría de comunicacións sen fíos, e dirixiu 16 tese de doutoramento.