CITIC
CARTEL 8M_

Minia Manteiga é recoñecida co Premio 8 de Marzo outorgado polo Concello de Negreira

08/03/2022 – CITIC

A investigadora do CITIC Minia Manteiga foi recoñecida co Premio 8 de Marzo, que concede o Concello de Negreira xunto co Centro de Información á Muller (CIM) de Negreira co fin de recoñecer o traballo e o papel das mulleres do municipio ao longo da historia.

Manteiga recibe esta distinción no Día da Muller polas súas achegas á ciencia e o seu papel na visibilización da muller neste ámbito. O galardón, que este ano celebra a súa sétima edición, entregarase este 8 de marzo ás 19:30 h no auditorio do Centro Sociocultural de Negreira.

Minia Manteiga é a primeira catedrática de Astrofísica de Galicia e a cuarta académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias. Ademais, é vicepresidenta da Sociedade Española de Astronomía e foi presidenta do Grupo de Astrofísica da Real Sociedade Española de Física. Forma parte tamén do Grupo Galego da Misión Espacial Gaia, un ambicioso proxecto da Axencia Espacial Europea que ten como obxectivo crear un mapa tridimensional da Vía Láctea.