Modelos de xestión de centros de investigación a debate
06/06/2017
O 15 e 16 de xuño o Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña (UDC) acollerá as Xornadas sobre Organización e Xestión de Centros de Investigación de Universidades e Institucións Públicas, organizadas pola UDC, a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e o CITIC, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC. O evento conta coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVIGO).
Tanto o persoal directivo e de xestión de centros de investigación como o das unidades de xestión de I+D e de valoración e transferencia das universidades, debaterán e discutirán sobre as tendencias e retos na xestión de centros de investigación coa finalidade de obter recomendacións para a organización e xestión destes centros desde os planos xurídico e de xestión de recursos, así como de promoción e comercialización dos resultados de I+D.
Estas xornadas, que contarán con tres mesas temáticas de debate, teñen como obxectivo reforzar o papel dos centros de investigación como entes áxiles e eficaces que relacionan a universidade e os sectores produtivos. As temáticas que se abordarán nas mesas de debate son as seguintes:
- Modelos actuais de organización e xestión de centros de investigación no ámbito universitario.
- Implicacións da forma xurídica na organización e nos modelos de xestión dos centros de investigación.
- Gobernanza da I+D+i e da valorización dos resultados dos centros de investigación.
Contarase coa participación dos cinco centros de singulares de investigación (CIQUS e CIMUS da USC, CINBIO e ECIMAT da UVigo, e CITIC da UDC) e dos dous centros designados como agrupacións estratéxicas consolidadas (CITIUS da USC e ATLANTIC da UVigo) do Sistema Universitario Galego, tamén estará representada a agrupación estratéxica CICA da UDC. Asimesmo, se contará coa presenza do CSIC, de centros de investigación nacionais, caso de centros de excelencia Severo Ochoa, e internacionais como o INESC TEC de Portugal.
Más información nesta ligazón.
Se es persoal directivo dos centros de investigación, xestor de unidades de I+D de universidades ou institucións públicas de investigación ou responsable de EBT, e estás interesado en asistir ás xornadas, podes inscribirte aquí.