CITIC

O AI Song Contest contará cunha cerimonia de inauguración e un congreso sobre música e IA e dereitos de propiedade intelectual

17/10/2023 - CITIC

O AI Song Contest, tamén coñecido como a «Eurovisión» mundial da intelixencia artificial, celebrará a súa cuarta edición este 2023 na cidade da Coruña levando por lema «Walking With AI» (O Camiño da IA).

O evento, que conta co apoio do CITIC, acolle o uso da intelixencia artificial aplicado á composición musical; dirixíndose a todo tipo de artistas de ámbito internacional que se atopen nesta fase de creación.

Nesta edición, o festival contará cunha cerimonia de inauguración que se levará a cabo na noite do venres 3 de novembro no CSA da Cidade das TIC. Na mañá do sábado 4, no mesmo recinto, realizarase o congreso “AI & Creation Day” cunha programación de charlas e mesas de debate académicas ao redor da música xerada con intelixencia artificial e sobre os dereitos de propiedade intelectual. Finalmente, á noite terá lugar a gala principal no Studio Follow (Polígono da Grela).

As entradas por día xa se atopan á venda na páxina oficial do evento aisongcontest.com e aplícanse promocións para estudantes.