
O CITIC acolle a clausura da 3ª edición de AddVenture, o programa universitario de emprendemento impulsado polos Consellos Sociais da UDC e a USC
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña acolleu este xoves, 17 de xullo, a xornada de clausura da terceira edición de AddVenture, o programa universitario de emprendemento e innovación promovido polos Consellos Sociais da UDC e da USC.
Tras tres meses de formación intensiva e traballo en equipo, o alumnado participante presentou os seus proxectos ante un comité de expertos e tivo ocasión de conectar con profesionais do ecosistema emprendedor galego nun espazo de networking especialmente deseñado para fomentar a colaboración e a transferencia de coñecemento.
A inauguración da xornada contou coa participación do director do CITIC, Manuel G. Penedo, quen destacou a importancia de iniciativas como AddVenture para reforzar a conexión entre a universidade, o talento novo e o tecido produtivo.
Un dos momentos centrais do evento foi a intervención de Gala Freixa, cofundadora de Sheedo e referente internacional na aplicación da sustentabilidade ao márketing, que compartiu coas persoas asistentes a súa experiencia emprendedora.
O acto institucional de clausura contou coa participación de diversas autoridades universitarias e representantes dos Consellos Sociais, tanto de forma presencial como telemática, dado que algunhas persoas participantes se atopan actualmente desenvolvendo os seus proxectos fóra de Galicia. Interviñeron Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC; María José Lombardía Coriña, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC; Jesús Spósito Prado, secretario do Consello Social da UDC; e Marta Villamayor Vázquez, secretaria do Consello Social da USC.
A entrega de diplomas puxo o broche final a unha xornada na que se puxo en valor o compromiso do programa AddVenture coa promoción do talento universitario, o impulso de ideas innovadoras e a creación de pontes reais entre a formación académica e o mundo profesional.