
O CITIC acolle a presentación do programa AddVenture da UDC e USC para o fomento do emprendemento
- AddVenture, impulsado desde 2021 polo Consello Social da UDC, suma o apoio da USC para ampliar o seu impacto e chegar a máis persoas que queiran dar un impulso real á súa idea de negocio.
- Desde o seu inicio, o programa capacitou a máis de 50 emprendedores/as e máis de 20 proxectos.
O CITIC da UDC acolleu hoxe nas súas instalacións a presentación da terceira edición de AddVenture, un programa de emprendemento e innovación promovido polos Consellos Sociais da Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, que tivo lugar no marco do almorzo de traballo “Innovación no sector inmobiliario: a aposta de PhotoIlike pola IA e o emprendemento”.
Ao encontro asistiron representantes dos vicerreitorados de ambas universidades, responsables de transferencia do coñecemento, centros de investigación e do ecosistema emprendedor galego co obxectivo de fortalecer a conexión entre a universidade, a empresa e a innovación. No encontro interviñeron o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra Rey; a directora de Procesos de Innovacción e Emprendemento en Corporacións en TeamLabs, Irati Lekue, e o cofundador e Head of Research de PhotoIlike, Juan Jesús Romero Cardalda, que tamén é investigador do CITIC.
É a primeira vez que os Consellos Sociais de ambas Universidades alíanse nesta iniciativa para ampliar o seu impacto e reforzar o seu compromiso coa formación práctica para graduados/as, licenciados/as, egresados/as, postgraduados/as e profesionais que queiran dar un impulso real á súa idea de negocio.
Desde 2021, AddVenture capacitou a máis de 50 persoas emprendedoras e máis de 20 proxectos, consolidándose como referente na formación para o emprendemento en Galicia.
Apertura de inscricións
Este programa de emprendemento e innovación é gratuíto e está financiado e certificado polos Consellos Sociais da UDC e a USC.
Está dirixido a graduados/as, licenciados/as, egresados/as e postgraduados/as universitarios/as, microempresas e profesionais que queiran lanzar ou facer crecer o seu negocio cun enfoque práctico e estratéxico. Ten unha duración de tres meses e 265 horas de formación en sesións online en directo e encontros puntuais presenciais (hackaton e peche) para facilitar a aprendizaxe e a interacción con expertos.
Consiste nun curso práctico e de aplicación directa no propio proxecto utilizando a metodoloxía do grao oficial universitario LEINN –Liderazgo Emprendedor e Innovación-, realizado por TeamLabs, o laboratorio de aprendizaxe de Mondragon Unibertsitatea. AddVenture combina formación, mentoría e networking para que os participantes poidan validar a súa idea, mellorar a súa estratexia e desenvolver as súas competencias en liderado, vendas e dixitalización.
As inscricións estarán abertas ata o 28 de marzo. Están dispoñibles 30 prazas. Outorgaranse ás diferentes candidaturas previa entrevista co comité de selección, que valorará o background académico e profesional da candidatura; ademais, terase en conta a nota media do expediente académico.
Máis información sobre o programa: https://addventurehub.es/