CITIC
Gaia-web

O CITIC acolle a reunión plenaria do CU8 de Gaia, misión espacial encargada de crear o mapa máis completo da Vía Láctea

27/09/2022 – CITIC

Entre o 28 e o 30 de setembro celebrarase no CITIC a reunión plenaria da Unidade de Coordinación 8 (CU8) do consorcio europeo DPAC para o procesado de datos da misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea. Este grupo de traballo é o encargado de levar a cabo a clasificación e a determinación dos parámetros astrofísicos observados por Gaia, como as temperaturas estelares ou os redshifts das galaxias.

O obxectivo principal da reunión será avanzar na cuarta publicación de datos de Gaia (DR4), prevista para dentro de dous anos. O DR4 eclipsará aos anteriores conxuntos de datos publicados, tanto en tamaño como en complexidade, alcanzando os 200 TB e estenderá aínda máis o impacto científico da misión.

Na reunión participarán máis de 40 investigadores de 20 entidades europeas e estará coordinada pola investigadora Orlagh Creevey do Observatorio da Costa Azul (Niza, Francia) e polo Dr. Morgan Fousneau do Instituto Max Planck (Heidelberg, Alemaña). O grupo galego de Gaia está dirixido polos membros do CITIC Minia Manteiga e Carlos Dafonte.

Sobre Gaia

Gaia foi posto en órbita en decembro de 2013 e DPAC publicou ata o de agora tres conxuntos de datos (Data Releases, DR3 de leste mesmo ano 2022). O impacto científico da liberación destes datos é enorme, como o demostran os máis de 5700 artigos xa publicados baseados nesta información, así como o acceso sostido ao arquivo da misión (ao redor de 6000 direccións IP diferentes por mes). España é un dos principais participantes no proxecto Gaia e, en particular, no consorcio DPAC que se encarga de converter a telemetría do satélite en datos científicos.