CITIC
xiv_foro_

O CITIC acolle o XIV Foro de Interacción Matemática Industria, organizado xunto con ITMATI

01/06/2021 – CITIC

O CITIC acollerá este venres 4 de xuño o XIV Foro de Interacción Matemática Industria, unha proposta dos grupos de Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa das tres universidades galegas. Neste evento, organizado xunto con ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial), as empresas convidadas exporán problemas que xorden no seu ámbito e que son susceptibles de ser tratados mediante métodos matemáticos e numéricos, estatística e investigación operativa: modelado, simulación de procesos e dispositivos, enxeñería asistida por computador (CAE), etc.

Así, o foro analizará novas solucións en sectores económicos como a banca, a evolución de contornas naturais e o benestar animal, a percepción sensorial de produtos de consumo, a fabricación avanzada, e a intelixencia artificial aplicada á sanidade por mor da covid-19. O obxectivo principal é fortalecer a colaboración e sinerxias entre as empresas, as universidades e os estudantes actuais, futuros e antigos alumnos.

Os investigadores do CITIC e do ITMATI, Íñigo Arregui Álvarez e Silvia Lorenzo Freire, forman parte do comité científico e do comité organizador do evento.

O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, participará na mesa de apertura xunto co reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente de ITMATI e vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya.

Máis información e inscrición