O CITIC acolleu o encontro investigador Elas no Prelo II. Mulleres no mundo da edición na Galiza
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu o encontro investigador Elas no prelo II. Mulleres no mundo da edición na Galiza centrado en facer unha achega á análise da participación das mulleres no mundo editorial galego. Este encontro enmárcase n9666os traballos ligados a un proxecto máis amplo titulado “A edición literaria na Galiza, 1975-2000” (PID2020-119605RB-I00), coordinado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián.
O obxectivo do encontro é amosar ó público o traballo das mulleres editoras e o seu papel na industria e no mundo editorial galego. Por isto, e seguindo a liña de investigación comezada no ano 2021, o propósito é elaborar un primeiro catálogo de mulleres con actividade no sector.
A xornada iniciouse coa exposición dos avances e resultados iniciais do proxecto “A edición literaria na Galiza, 1975-2000”, por parte de Carme Fernández P-Sanjulián e Ánxela Lema. Despois, e como punto central do encontro investigador, tivo lugar a sesión: Editar libros: tres experiencias en primeira persoa onde tres mulleres que ampla actividade profesional no campo editorial: Helena Pérez (Edicións Xerais), Ana Guerra (Editorial Obradoiro) e Mª Xesús Gómez (Editorial Rodeira), presentaron as súas experiencias e reflexións sobre o sector.
Na última parte da xornada, cada unha das ponentes foi protagonista dunha sesión de traballo. Alí, a partir dunha ampla entrevista persoal, desenvolveuse unha reflexión en profundidade sobre a problemática específica das mulleres no ámbito editorial co equipo investigador do proxecto.
O equipo do proxecto “A edición literaria na Galiza, 1975-2000” está formado por un grupo multidisciplinar de investigadoras/es da UDC: Iria Sobrino, Xosé Ramón Freixeiro, Ánxela Lema, Mª Obdulia Luis, Xoán L. Viñas, Inma Doval, Uxío-Breogán Diéguez e José Antonio Seijas, coordenados pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián (ILLA-UDC).