O CITIC acolleu o encontro investigador Elas no prelo III. Mulleres no mundo da edición na Galicia
- O CITIC da Universidade da Coruña acolle un encontro de estudo que analiza o papel e funcións das mulleres no mundo editorial galego
A Coruña, 5 de xuño de 2024: O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu o encontro de investigación Elas no prelo III. Mulleres no mundo da edición na Galiza. Este encontro enmárcase nos traballos ligados a un proxecto máis amplo titulado “A edición literaria na Galiza, 1975-2000” (PID2020-119605RB-I00), coordinado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, membro do Grupo Investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) da UDC. O acto comezou coa presentación da xornada por parte da coordinadora do proxecto, María Nieves Rodríguez Brisaboa, investigadora do CITIC, e Manuel F. González Penedo, director do centro.
O estudo do papel das mulleres nos proxectos editoriais desa etapa é un campo pouco explorado que merece ser posto de relevo; pouco visíbeis polas características da industria editorial, o seu traballo tivo en moitos casos unha grande relevancia e impacto. Por isto, con este encontro preténdese facer visíbel o traballo e papel que as mulleres tiveron na industria cultural, en xeral, e no mundo editorial galego, en particular.
Na primeira parte da xornada, baixo o título Elas editan: construírmos un catálogo de mulleres no campo editorial (1975-2000), fíxose unha achega aos resultados da investigación en curso, coa análise de datos cuantitativos do sector, así como das experiencias das protagonistas. A seguir, desenvolveuse a sesión: Editar libros: tres experiencias en primeira persoa onde tres mulleres con ampla actividade profesional no campo editorial: Fabiola Sotelo (Editorial Sotelo Blanco, para alén de primeira presidenta da Asociación Galega de Editoras), Beatriz Varandas (Ir Indo Edicións) e Mercedes Queixas (Edicións Laiovento) presentaron as súas experiencias e reflexións sobre o sector.
Na última parte da xornada, cada unha das relatoras foi protagonista dunha sesión de traballo. Alí, a partir dunha ampla entrevista persoal, desenvolveron un diálogo en profundidade co equipo investigador do proxecto.
O equipo do proxecto “A edición literaria na Galiza, 1975-2000” está formado por un grupo multidisciplinar de investigadoras da UDC: Inma Doval, Xosé R. Freixeiro, Ánxela Lema, Mª Obdulia Luis, J. Antonio Seijas, Iria Sobrino e Xoán L. Viñas, coordinados pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián