Un total de 14 investigadores adheridos ao CITIC obtiveron as axudas para a contratación de persoal predoutoral da Xunta concedidas á UDC.
O Centro de Investigación TIC da UDC logrou un 58,33% das axudas outorgadas á Universidade da Coruña, á que se concederon un total de 24 contratos cunha partida presupostaria que ascende a 2,7 millóns.
Unha análise detallada das solicitudes totais mostra que 15 delas corresponden á rama de coñecemento de Enxeñaría e Arquitectura, na que se inclúen os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Destas 15 solicitudes, 10 foron concedidas, o que representa un 66,66% do total. Ademais, todas as solicitudes concedidas nesta categoría están dirixidas por membros do CITIC. Pola súa banda, na área de Ciencias, que tamén abarca aos investigadores do CITIC, solicitáronse 20 axudas, obténdose un total de 8.
A Universidade da Coruña obtivo dúas partidas orzamentarias por parte da Xunta de Galicia, unha de 426.171,04 euros e outra de máis de 2 millóns de euros. Estes fondos permitirán a contratación de persoal predoutoral e a continuación de investigacións en campos clave de Enxeñaría, Arquitectura e Ciencias.