CITIC
mática_1

O CITIC colabora no campamento tecnolóxico Mática

30/06/2021 – CITIC

O CPEIG e a AMTEGA, en colaboración co tres universidades galegas, puxo en marcha o campamento tecnolóxico Mática, coa finalidade de potenciar as vocacións tecnolóxicas e fomentar o atractivo das profesións dixitais en mozas de entre 12 e 18 anos. Na Universidade da Coruña, a sede foi a Facultade de Informática, onde se desenvolveron charlas e talleres durante os días 28, 29 e 30 de xuño, coordinados polas investigadoras do CITIC Susana Ladra e Aida Vidal, responsables da iniciativa na UDC.

As participantes no campus da UDC visitaron o CITIC en dous grupos o mércores 30 de xuño para coñecer o centro e as súas capacidades, así como diferentes proxectos de investigación, da man do responsable da área de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro.

A visita comezou cunha presentación do CITIC na sala Cloud. Posteriormente, coñeceron o Centro de Proceso de Datos (CPD) e o Demostrador Tecnolóxico, onde coñeceron diferentes proxectos de investigación desenvolvidos desde o CITIC. Tamén tiveron a oportunidade de probar as lentes de realidade virtual con escenarios virtuais que se están realizando no centro.

A iniciativa Mática ten o obxectivo de crear unha rede entre mozas con interese no TIC como creadoras e desenvolvedoras de tecnoloxía e as súas aplicacións na sociedade, achegando información que lles permita decidir a súa futura carreira profesional. Ademais, estas actividades proporcionan coñecemento de mulleres no sector TIC, xa que todas as accións están coordinadas por profesoras e investigadoras das universidades galegas.