CITIC

O CITIC da UDC celebra o congreso internacional Big Data Coruña con preto dun centenar de asistentes

21/10/2019

  • O Big Data Coruña 2019 ten lugar hoxe e mañá no CITIC.
  • O congreso reúne a expertos en tecnoloxía e analítica de datos de nivel internacional.

A Coruña, 21 de outubro de 2019.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle hoxe luns e mañá martes a quinta edición do congreso internacional Big Data Coruña, que afonda nos novos retos desta disciplina da man de expertos en tecnoloxía e analítica de datos de nivel internacional, congregando a preto dun centenar de asistentes procedentes do ámbito empresarial e académico.

A mesa de apertura foi a cargo do reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, e a organizadora do evento, Amparo Alonso, presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC e investigadora do CITIC.

O reitor da UDC salientou que a Universidade é capaz de especializarse nas áreas estratéxicas que servirán á sociedade no futuro “grazas a actividades como estas”, xa que “o CITIC é lugar de encontro entre empresas e universidade”, colaborando en que “a formación que se imparte na Universidade concorde co que as empresas demandan”. Ademais, o director do CITIC incidiu en que este congreso “comulga coa estratexia europea en Intelixencia Artificial e tratamento de datos”.

Durante hoxe e mañá reuniranse no CITIC expertos nesta disciplina procedentes de Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia e Portugal.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.