CITIC

O CITIC da UDC recibe 1,9 millóns de euros na convocatoria da Xunta de Galicia para impulsar grupos de investigación de excelencia

27/08/2025 - CITIC
  • A UDC obtivo, en total, máis de cinco millóns de euros

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC logrou un destacado éxito na convocatoria de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia, reafirmando a súa posición como un referente en innovación e desenvolvemento tecnolóxico no ecosistema autonómico. Así, oito propostas foron seleccionadas nesta convocatoria, sumando un total de 1.929.000 euros.

Na modalidade A de Grupos de Referencia Competitiva (GRC), os investigadores Richard Duro e Juan Touriño conseguiron o financiamento máximo, con 420.000 euros. Tamén foron seleccionados nesta categoría Javier Parapar López (300.000 €) e Miguel Ángel Rodríguez Luaces (340.000 €). Neste grupo de axudas englóbanse aqueles grupos de investigación que, pola súa produción científica e a súa actividade en I+D, son un ente de referencia no Sistema de I+D+i de Galicia.

Na modalidade B de Grupos con Potencial de Crecemento (GPC) foron seleccionadas as candidaturas de Javier Pereira Loureiro, que recibe a máxima contía de axudas nesta modalidade (124.500 €), e José Antonio Iglesias Guitián (94.500 €). Esta categoría recoñece aos grupos de investigación que poden converterse en grupos de referencia no sistema de I+D+i galego.

Pola súa banda, na modalidade C, que premia proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente, Diego Álvarez Estévez e Álvaro Leitao Rodríguez resultaron beneficiarios da máxima axuda concedida, 115.000 euros.

En total, a Universidade da Coruña obtivo 5,1 millóns de euros, o que supón un incremento na captación destes fondos de máis do 40% con respecto á convocatoria anterior, con 27 candidaturas seleccionadas. Ademais das adscritas ao CITIC, outras 8 propostas pertencen ao CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), 4 ao CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) e 2 ao CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais). A estas súmase unha proposta de persoal investigador de excelencia adscrito ao CISPAC (Centro Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais).

Estas axudas destínanse a custos de contratación de persoal investigador ou auxiliar, ferramentas de xestión, pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico, matrículas e inscricións en cursos, congresos, seminarios ou estancias, entre outros.