CITIC

O CITIC da UDC renova a súa acreditación de excelencia da Xunta de Galicia

08/05/2024 - CITIC
  • A Universidade da Coruña incrementa a súa relevancia neste programa de excelencia coa renovación do CITIC e a incorporación do CICA e CITEEC, aos que se suma o centro interuniversitario ECOBAS. 
  • A acreditación conleva unha dotación económica para o centro de investigación de 2.126.666,67 millóns de euros.

A Coruña, mércores 8 de maio de 2024.- O CITIC da UDC vén de renovar a súa acreditación de excelencia por parte da Xunta de Galicia, recoñecemento ó que se incorpora o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), que tamén se integra na Rede CIGUS; e do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), que se une como Centro Colaborativo xunto ao interuniversitario ECOBAS (Economics and Business Administration for Society).  

O CITIC recibirá 2,12 millóns do total da axuda outorgada ós centros da UDC, que son máis de 4,86 millóns de euros para a súa acreditación, estrutura e mellora. Deste xeito, coa incorporación dos novos centros, a Universidade da Coruña eleva a súa posición nesta rede. 

Un logro que, segundo Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, sitúa á UDC como “a universidade galega con mellor evolución con respecto ao período anterior, pasando de contar cun só centro acreditado, o CITIC, a ter 3, e de obter o 12 % da cantidade total das axudas ao 20 % actual. Un camiño que entendemos é o que debemos seguir para continuar ampliando esta capacidade investigadora de calidade nas diferentes liñas de traballo da UDC, e mesmo incrementar o número de centros de investigación da UDC nesta rede de excelencia”. 

Nos tres centros traballan máis de 600 persoas investigadoras, as cales están inmersas en 256 proxectos e investigación e transferencia tecnolóxica. Así o explicaron esta mañá na rolda de prensa o vicerreitor e os directores dos tres centros de investigación da Universidade. 

Manuel González Penedo, director do CITIC, salientou que “esta acreditación pon en valor o traballo excelente que leva a cabo o persoal investigador do noso centro, tanto a nivel individual como co seu compromiso de equipo á hora de resolver retos de forma conxunta. Para nós, é unha honra situarnos á vangarda tecnolóxica e investigadora de Galicia. Traballamos con diferentes entidades nacionais e internacionais, públicas e privadas, para acadar a proxección que a nosa comunidade merece”. 

González Penedo destacou tamén que “a conciencia de equipo do CITIC permítenos estar ó fronte do progreso tecnolóxico nun momento de revolución social importantísimo neste ámbito, que é a situación ideal para os noso persoal investigador”. Sinalou que, grazas a este traballo en equipo “podemos abordar proxectos de grandes dimensións”.   

O CITIC acadou en 2016 a distinción de Centro Singular de Investigación por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, o cal foi renovado no ano 2019, pasando a integrarse na Rede de Centros de Investigación de Galicia (CIGUS). Na actualidade está consolidado como un referente na transferencia de resultados, grazas á notable proxección das súas investigacións en áreas como a IA, a ciencia e enxeñaría de datos, a computación de altas prestacións, os servizos e redes intelixentes e a ciberseguridade. 

O CITIC conta cun destacado compromiso en proxectos de inclusión social, desenvolvendo proxectos como Talentos Inclusivos, que este ano celebra a súa cuarta edición; ou un convenio de colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude para a investigación de tecnoloxías aplicadas á atención de persoas con diversidade funcional. O centro, formado por máis de 280 investigadores, dos que máis do 30 % son mulleres, desenvolve na actualidade máis de 150 proxectos activos de investigación e transferencia. 

Jaime Rodríguez, pola súa banda, destacou que no CICA “sabiamos ao que aspirábamos: levamos anos traballando e tendo como referentes os estándares de calidade da Xunta. Por iso estamos moi agradecidos de que CIGUS nos posicionase tan ben na nosa entrada na Rede de Centros de Excelencia, que representa o mellor da investigación científica do territorio”. 

Martínez Abella manifestou a súa ledicia o CITEEC conseguise acceder, como Centro Colaborativo, ao selecto club dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia. “O CITEEC celebrará o seu 25 aniversario o próximo ano 2025 e ao longo deste tempo conseguimos dotarnos de infraestruturas científicas de primeiro nivel mundial e dun equipo humano de extraordinaria valía, cuxo traballo vai enfocado en mellorar e facer máis sostible a contorna na que vivimos”.