CITIC

O CITIC da Universidade da Coruña participa nun proxecto europeo de transformación dixital con tecnoloxías para a clasificación de residuos

20/11/2023 - CITIC
  • O proxecto GRESINT, enmárcase na 3ª convocatoria do Programa Interreg España-Portugal e nel participan, por parte de Galicia  SOGAMA e o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña; e por parte de Portugal, a Associação de Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto e a Universidade da Beira Interior (UBI).
  • Conta cunha dotación de máis de 787.000 euros e terá unha duración de 3 anos.

O  Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña participará nun proxecto europeo, liderado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente S.A. (SOGAMA), e no que tamén participa LIPOR – Associação de Municípios para a Gestão Sustentável de Resíduos do Grande Porto xunto coa Universidade dá Beira Interior (UBI), en materia de transformación dixital con tecnoloxías intelixentes para a clasificación de residuos de envases de orixe doméstico.

O proxecto GRESINT, financiado con fondos FEDER, foi elixido no marco da terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal, conta cunha dotación de 787.544,67 euros e unha duración de 3 anos. Consiste nun proxecto transversal e innovador que combina tecnoloxía, sustentabilidade e circularidade, co obxectivo de revolucionar a xestión de residuos mediante a incorporación de tecnoloxías intelixentes que melloren a clasificación dos envases e logren impactar no resto da cadea de valor: recollida, selección, reciclaxe e valorización dos mesmos.

Deste xeito, contribuirá a acadar os obxectivos europeos de reciclaxe, permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade conforme aos preceptos da economía circular.

O proxecto, liderado por SOGAMA (Galicia) céntrase na introdución de sensores, visión artificial, intelixencia artificial e clasificadores robóticos. A idea é xerar e procesar datos sobre os materiais seleccionados para mellorar a toma de decisións e anticipar situacións no ciclo integral da xestión de residuos.

O CITIC, da man dos investigadores Carlos Vázquez Regueiro e Miguel Rodríguez Luaces, desempeña un papel crave no desenvolvemento dun software piloto común para ambas as plantas, adaptado ás necesidades específicas de cada unha. A plataforma de intelixencia artificial (IA) busca crear un “Data Lake” que almacene datos seleccionados e relevantes de ambas as plantas para a súa análise, adestrando así mellor o algoritmo e acadando mellores resultados. A recompilación de datos incluirá a limpeza e preparación da información, asegurando a privacidade e seguridade dos datos. Cada planta contará cun servidor para rexistrar e procesar internamente os datos dos sensores, compartindo a información procesada na plataforma conxunta. Este enfoque ten como obxectivo mellorar a toma de decisións en tempo real, optimizando os procesos e o mantemento das plantas de clasificación.