O CITIC e a AXEGA colaboran para implantar a Intelixencia Artificial na xestión de emerxencias
22/09/2021 – CITIC
Este martes, 21 de setembro, tivo lugar no CITIC unha reunión entre membros do centro e da Axencia Galega de Emerxencias ( AXEGA), co obxectivo de avanzar na análise de melloras tecnolóxicas en Intelixencia Artificial que se poidan implementar na xestión de emerxencias, tanto no ámbito operativo como no da comunicación.
Ao encontro asistiu a adxunta a Transferencia da vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Sonia Zaragoza; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o responsable da área de Transferencia Tecnolóxica e Innovación do centro, Manuel Bustabad, e persoal investigador das áreas de Intelixencia Artificial e Computación de Altas Prestacións. En representación da AXEGA, participaron o xerente da Axega, Marcos Araujo; o xefe de Área do CIAE-112 Galicia, Diego Núñez; o responsable do Departamento de Informática do 112 Galicia, José Luis López; o técnico do Grupo de Apoio Loxístico da Axega, José Antonio Argibay; e persoal do Departamento de Estrutura do 112.
Entre as temáticas acordadas para avanzar nesta nova alianza destacaron o procesamento da linguaxe para un tratamento intelixente dos sinais de voz en chamadas de emerxencia e a análise de noticias falsas en prensa e redes sociais en determinadas situacións de emerxencia.
Os equipos de traballo seguirán mantendo reunións nas próximas semanas para profundar nestes e outros asuntos que poidan axudar á implantación de novas tecnoloxías na xestión de emerxencias.