CITIC
Foto de grupo

O CITIC e ASPACE Coruña implican a institutos de toda Galicia para mellorar o día a día das persoas con parálise cerebral a través da tecnoloxía

23/02/2023 – CITIC

  • O proxecto “Talentos Inclusivos” desenvólvese en dez centros, situados na súa maioría na provincia da Coruña, e chegará a 200 estudantes, quen deben abordar retos propostos polas persoas de ASPACE Coruña tales como a creación dun soprador de velas, un xeolocalizador de prazas de discapacidade, un adaptador 3D para portas ou un bingo adaptado.
  • O alumnado do Colexio de Carmelitas de Ourense, que participa nesta terceira edición do proxecto, coñeceu esta mañá da man das persoas usuarias de ASPACE Coruña as barreiras ás que se enfrontan día a día as persoas con parálise cerebral e tamén como poden contribuír a través da tecnoloxía a mellorar a súa calidade de vida solucionando os retos planeados.

Un adaptador 3D para as portas do centro de ASPACE Coruña, o manexo dun dispositivo Tobii a través da mirada ou a impresión 3D dunha boquilla para pintar.  Estes son tres dos retos propostos polas persoas usuarias de ASPACE Coruña, que xunto co CITIC da UDC está a levar a cabo a terceira edición do proxecto Talentos Inclusivos, un programa que ten o dobre obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre o alumnado e dar visibilidade á discapacidade. Arredor de 200 estudantes de secundaria están a participar neste programa que por primeira vez se estende a centros de toda Galicia. Precisamente, no día de hoxe un deses colexios, Carmelitas de Ourense, puido coñecer na propia sede de  ASPACE Coruña,  en Sada, as barreiras ás que se enfrontan a diario as persoas con parálise  e tamén como a través da tecnoloxía os propios alumnos e alumnas de 3º da ESO poden contribuír a mellorar a súa calidade de vida.

A coordinadora do proxecto en ASPACE Coruña, Iria Robles, explicoulle aos estudantes algúns dos proxectos desenvolvidos en edicións anteriores e presentoulle tamén os retos  que deberán abordar durante este curso. Entre as propostas expostas está o desenvolvemento de videoxogos clásicos para usar en terapias de rehabilitación e a adaptación 3D de premedores do cabezal dunha cadeira de rodas. Así mesmo, a xornada enmarcase dentro das visitas presenciais que se están facendo aos centros educativos, “despois de dous anos de restricións debido á pandemia, retomáronse estas visitas presenciais, nas que os estudantes coñecen de primeira man as barreiras as que se enfrontan no día a día a persoas con parálise cerebral, que é un paso previo esencial para poder buscar solucións tecnolóxicas coas que dar resposta ás súas necesidades e mellorar a súa calidade de vida”, explicou o director do CITIC, Manuel F. González Penedo. O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da UDC  xunto con ASPACE Coruña promove este proxecto colaborativo que conta co apoio do Consello Social da Universidade, a FECYT do Ministerio de Ciencia E Innovación, o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Precisamente, o convenio asinado recentemente coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade propiciou que o programa Talentos Inclusivos se estendese a centros educativos de toda Galicia, xa que anteriormente estaba centralizado na provincia da Coruña.

 

“Temos que traballar para que as persoas con parálise cerebral acaden a plena inclusión e unha maneira de facelo é propoñendo retos que melloren o seu día a día. Poidovos asegurar que cando chegue o mes de xuño a relación que tedes con eles vai cambiar a vosa perspectiva e a vosa visión das persoas con discapacidade”, declarou Ricardo Iglesias Sanmartín, xerente de ASPACE Coruña.

 

Dez centros participantes

O programa “Talentos Inclusivos” chega nesta terceira edición a dez centros educativos de Galicia, na súa maioría situados na provincia da Coruña. Concretamente, en seis deles xa se levaron a cabo as primeiras xornadas provinciais. Trátase dos colexios Calasanz (A Coruña); o IES Rego da Trabe (Culleredo); IES Terra de Trasancos (Narón), IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sofía Casanova e Saturnino Montojo (Ferrol); quedando pendentes a realización destas actividades de sensibilización en outros dous centros (IES Miraflores de Oleiros e IES Ortigueira), aos que hai que sumar a que tivo lugar este venres en ASPACE Coruña.

As xornadas perseguen un dobre obxectivo, por unha banda dar a coñecer e sensibilizar ao alumnado sobre a situación e barreiras as que se enfrontan as persoas con parálise cerebral e, pola outra, propoñerlle retos para abordalas e contribuír deste xeito a mellorar a súa calidade de vida.