CITIC

O CITIC e ASPACE Coruña únense nun proxecto de tecnoloxía inclusiva

03/12/2020 – CITIC

  • O proxecto foi apoiado polo Ministerio de Ciencia cunha axuda de 30.000 euros.
  • O Consello Social da UDC colabora na iniciativa, na que participan ata oito centros de educación secundaria da provincia da Coruña.

A Coruña, 3 de decembro de 2020.– O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este xoves, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a presentación do proxecto Talentos Inclusivos, desenvolto en colaboración con ASPACE Coruña e apoio do Consello Social da UDC. Esta iniciativa recibiu unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

A iniciativa Talentos Inclusivos ten o obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e visibilizar a problemática coa que se encontran no día a día as persoas con diversidade funcional. Para isto, diferentes centros educativos participan nun proxecto colaborativo e diverso no que os estudantes deberán aceptar os retos propostos polos usuarios de ASPACE Coruña para tratar de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.

No acto de presentación, o investigador principal do proxecto, Javier Pereira, explicou o fluxo de traballo da iniciativa, dende que os usuarios de ASPACE Coruña lanzan un reto tecnolóxico ata que o alumnado dos centros educativos coruñeses propoñen unha solución, incidindo na importancia de “espertar vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade”. A xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz, agradeceu ao CITIC que a súa actividade “reverta nas persoas para conseguir solucións para mellorar a vida das persoas con parálise cerebral”.

O evento contou coa participación a través de videoconferencia do secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, que quixo destacar a amplitude deste proxecto que “implica a todo o sistema educativo”. Presidiu o acto o reitor da UDC, Julio Abalde, que sinalou que “esta iniciativa é un claro exemplo das vantaxes que reporta a tecnoloxía para a xente baseándose en aspectos humanísticos” e recordou a implicación do CITIC en “actividades enfocadas a traballar en favor da inclusión e a diversidade”. O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, puxo en valor o “fomento da formación da mocidade en valores humanos” que se persegue co proxecto Talentos Inclusivos.

Os centros educativos que xa confirmaron a súa implicación son: IES Miraflores (Oleiros), Colexio Calasanz PP. Escolapios (A Coruña), IES Terra de Trasancos (Narón), IES de Ortigueira, IES Sofía Casanova (Ferrol), Colexio Salesianos San Juan Bosco (A Coruña) e IES David Buján (Cambre). Os alumnos de Tecnoloxía destes institutos procurarán ao longo do curso escolar desenvolver e aplicar unha solución tecnolóxica ás diferentes problemáticas diarias expostas polos usuarios de ASPACE Coruña. O alumnado estará asesorado por un equipo de 20 investigadores do CITIC, á súa vez profesores da Facultade de Informática, xunto con terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas e logopedas de ASPACE Coruña. Facilitar o cambio de canais de televisión nun mando a distancia ou evitar obstáculos as cadeiras de rodas mediante un sistema de avisos son algúns dos retos propostos.