CITIC

O CITIC organiza unha conferencia do profesor Paulo Cortez, referente europeo en intelixencia artificial

02/07/2025 - CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña organiza o vindeiro luns, 7 de xullo, unha conferencia do profesor Paulo Cortez, catedrático da Universidade do Minho e unha das voces máis recoñecidas no ámbito da intelixencia artificial aplicada. A charla leva por título Artificial Intelligence for Predictive and Prescriptive Analytics: Methods and Applications e terá lugar ás 12:00 horas na Sala Cloud do CITIC.

O acto enmárcase na aposta do centro TIC por fomentar o intercambio de coñecemento científico e a colaboración con centros de investigación de referencia internacional. A asistencia poderá realizarse de forma presencial ou en liña, mediante inscrición previa nesta ligazón.

O profesor Paulo Cortez foi recentemente distinguido coa mención Portuguese Excellence Professor of Artificial Intelligence 2025, outorgada pola Fundación Ramón Areces, en recoñecemento á súa traxectoria investigadora. Conta con máis de 220 publicacións en revistas e congresos internacionais, un índice h de 53 en Google Scholar e 33 en Scopus, con máis de 15.800 e 6.500 citas respectivamente. Actualmente exerce como catedrático no Departamento de Sistemas de Información da Universidade do Minho e como subdirector do centro de investigación ALGORITMI, onde desenvolve o seu traballo en áreas como analítica de negocios, sistemas de apoio á decisión, redes neuronais, algoritmos evolutivos e ciencia de datos.

Ao remate da sesión, o CITIC ofrecerá ás persoas asistentes a posibilidade de manter reunións individuais co profesor Cortez, co obxectivo de explorar vías de colaboración e dar a coñecer as liñas de investigación en intelixencia artificial e ciencia de datos que se están a desenvolver na Universidade da Coruña.

A charla será impartida en inglés e está aberta a toda a comunidade investigadora e profesional interesada nas aplicacións da intelixencia artificial na analítica preditiva e prescritiva.

A inscrición pode realizarse a través desta ligazón.