O CITIC organiza unha xornada clave sobre oportunidades de financiamento nas convocatorias 2026 de Horizon Europe
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) celebrará o vindeiro 27 de novembro de 2025 unha xornada informativa e de traballo centrada nas oportunidades de participación nas convocatorias 2026 de Horizon Europe e noutros programas sinérxicos.
Baixo o título «Participación nas calls 2026 de Horizon Europe e programas sinérxicos», esta sesión intensiva está dirixida a toda a comunidade investigadora e xestora da UDC e a entidades externas interesadas. O obxectivo principal da xornada é presentar as novidades estratéxicas do programa Horizon Europe, facilitar o networking entre as persoas asistentes e ofrecer orientación práctica para participar nas futuras convocatorias europeas.
A xornada celebrarase o 27 de novembro nas instalacións do CITIC. A inscrición é gratuíta e está aberta, previa rexistración, a todas as persoas interesadas en coñecer as novas oportunidades de financiamento europeo, coa posibilidade de asistir en liña ou de maneira presencial.
Desenvolvemento da xornada
A sesión comezará ás 9:15 coa benvida institucional, a cargo da dirección do CITIC. A continuación iniciaranse as ponencias, que percorrerán os Clusters temáticos de Horizon Europe.
O primeiro bloque da mañá repasará as oportunidades de financiamento recollidas no Cluster 1, relacionado coa Saúde; no Cluster 2, centrado en Cultura, Creatividade e Sociedade Inclusiva; e no Cluster 3, dedicado á Seguridade Civil para a Sociedade.
Tras unha pausa para o café e o networking, retomarase o programa coa análise do Cluster 4, sobre temáticas relacionadas co eido Dixital, a Industria e o Espazo. Seguidamente analizarase o Cluster 5, que abrangue temas como o Clima, a Enerxía e a Mobilidade. Para finalizar a mañá repasaranse as oportunidades do Cluster 6, relacionado con Alimentación, Bioeconomía, Recursos Naturais, Agricultura e Medio Ambiente. A continuación reservarase un tempo para preguntas e respostas.
A xornada retomarase ás 16:00 cunha sesión especialmente dedicada á xente nova que está a iniciar a súa carreira investigadora.
A xornada será impartida por Marina Martínez, experta en proxectos europeos e Punto Nacional de Contacto, ofrecendo a posibilidade de coñecer de primeira man as leccións aprendidas en convocatorias anteriores, identificar as novidades clave para 2026 e establecer relación coa comunidade investigadora.
Inscricións e máis información
As persoas interesadas en asistir deben formalizar a súa inscrición a través do seguinte formulario.
Anímase a toda a comunidade investigadora e xestora da UDC a participar activamente nesta xornada, convidando tamén a entidades externas interesadas.