O CITIC participa na defensa de proxectos STEMbach 2020/2021
16/04/2021 – CITIC
Un equipo de investigadores e investigadoras do CITIC participou na defensa de proxectos no programa STEMbach do curso 2020/2021. O subdirector Javier Pereira e a investigadora Thais Pousada titorizaron diferentes proxectos de estudantes de bacharelato dos institutos Miraflores e María Casares de Oleiros e o instituto Sofía Casanova de Ferrol. As estudantes xa presentaron con éxito os seus proxectos, enfocados no ámbito da tecnoloxía para persoas con diversidade funcional.
O equipo de investigadores do CITIC propuxo varios proxectos de investigación para que os estudantes poidan participar activamente nos mesmos e aprender das liñas de aplicación tecnolóxica á ocupacional, igualdade e saúde.
Ademais, para o próximo curso, estudantes do instituto Tirso de Molina de Ferrol e Miraflores de Oleiros están iniciando os seus traballos nun proxecto sobre impresión 3D, que serán titorizados por Javier Pereira e Thais Pousada.
O programa de bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía (STEMbach) ten o obxectivo de promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación ao ensino universitario. Esta iniciativa busca fomentar o pensamento científico e o enfoque práctico de indagación e resolución de problemas a través da realización de proxectos de investigación.