CITIC

O CITIC participa na G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras

25/05/2021 – CITIC

A Noite Europea das Persoas Investigadoras é un evento de divulgación científica que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro. O persoal investigador é o protagonista, amosando a diversidade da ciencia e tecnoloxía e o seu impacto na vida da cidadanía.

Este ano, esta iniciativa celebrarase en Galicia baixo a denominación “G-Night” e o lema “Conciencias creativas”. Estará coordinada pola Universidade de Vigo coa participación da Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago e diferentes centros e institutos tecnolóxicos e de investigación. Na UDC o proxecto está coordinado pola Unidade de Divulgación Científica e contribúen todos os centros de investigación (CITIC, CICA, CITEEC e CIT) e os campus de especialización: Innova, Sustentabilidade e Industrial. O CITIC tomará parte a través de actividades e visitas ao Demostrador Tecnolóxico, recentemente inaugurado, no que se expoñen diferentes proxectos de investigación desenvolvidos no centro.

O leit motiv da G-Night será a creatividade e a súa relación co coñecemento científico, a ruptura de estereotipos e a interdisciplinariedade. No marco deste evento, terán lugar actividades de divulgación nas principais cidades galegas, que terán o obxectivo de achegar a profesión investigadora á cidadanía, poñendo en valor a importancia da actividade na sociedade e tratando de espertar vocacións científicas. De forma previa ao 24 de setembro, tamén se organizarán accións divulgativas en centros escolares para anunciar o evento de setembro.

Esta acción conta cun financiamento de preto de 154.000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA).